“Os morcegos son os maiores consumidores nocturnos de insectos”.
INTRODUCIÓN AOS MORCEGOS:
Tamén chamados muricegos, espertellos, … son o único grupo de mamíferos con voo activo, con adaptacións para tal fin como ter os ósos moi lixeiros e posuír unha estrutura que lles permite voar: o pataxio, membrana que une os dedos da man e tamén as patas coa cola. Esta parte chámase uropataxio e algúns morcegos emprégana para cazar. O pataxio ten músculo, polo que poden manobrar.
Poden verse ata 26 especies en Galicia (máis que de roedores …), 35 na Península Ibérica.
Os morcegos teñen ecolocación, isto é, emitindo ultrasóns poden localizar ás súas presas. É como unha “imaxe sónica”, igual que a dun sonar. Pero tamén é certo que non son cegos, ao contrario, teñen boa vista, e úsana nos seus movementos, pero para “ver” a presa tiran máis da ecolocación en xeral.
Nos só podemos escoitar os sons entre 0 e 20 quilohercios, e salvo dúas especies galegas, o morcego rabudo (Tadarida teniotis) que emite ultrasóns para cazar entre 12 e 14 quilohercios, e o nóctulo grande (Nyctalus lasiopterus) que emite entre 16 e 18, non podemos escoitalos. O que si podemos escoitar son os sons sociais, distintos aos de caza, xa que emiten dentro do audible para nós. É doado escoitar os sons sociais do noso morcego máis abundante, o morcego común (Pipistrellus pistrellus), que frecuentemente voa entre os farois de vilas e cidades.
Tamén temos o maior morcego de Europa en Galicia, o nóctulo grande (Nyctalus lasiopterus), de case 50 cm de envergadura. Ademais de insectos, viuse que ás veces captura aves.
DESCRICIÓN:
Hai 3 especies de morcegos de ferradura (rinolofos) en Galicia. O nome de ferradura venlles dos repregues da pel semellantes a
unha ferradura, que lle rodean o nariz. Característico tamén deste xénero é poder pendurarse sen esforzo por un mecanismo de agarrotamento de tendón ao xirar a unlla. De feito, se morren nesta postura quedan igualmente colgados debido a este mecanismo.
O rinolofo grande (Rhinolophus ferrumequinum) ten o récord de idade nos morcegos europeos: 41 anos. O récord do rinolofo pequeno é 21, pero a media son 4-5 anos.
Dos tres, o pequeno fai honra ao seu nome sendo o de menor tamaño, cun peso entre 4,4 e 8,7 gramos e é unha especie común en Galicia.
HÁBITAT:
As tres especies deste xénero que temos en Galicia son especialistas no medio forestal, moi hábiles cazando neste hábitat, para o cal presentan ás anchas que lle dan moita capacidade de manobra. Gustan de estar cerca do gando polo alimento que lles proporcionan os insectos asociados aos seus excrementos.
Refúxianse en cavidades (covas e minas) e construcións humanas. Non é certo que os morcegos busquen casas vellas onde refuxiarse, o que buscan é lugares onde poidan entrar e estar tranquilos, e moitas veces coincide con casas vellas, pero poden ser faiados, bodegas, igrexas, casas en obra ...
Os refuxios son vitais para os morcegos en xeral, pasan neles moito tempo e fan alí moita vida, aleitan, paren, interaccionan, … Os refuxios cambian ao longo do ano, son estacionais, non é o mesmo o refuxio de cría que os chamados hibernáculos, ou os de dispersión, por exemplo.
REPRODUCIÓN:
Teñen unha cría ao ano, e non todos os anos (a diferenza dos ratos).
En xeral, os morcegos tardan dous anos en chegar á madurez sexual, e soe pasalos coa nai como aprendizaxe.
COMPORTAMENTO:
A hibernación durante varios meses é frecuente en Centroeuropa, onde as temperaturas baixan moito. En Galicia o máis habitual é que entren nun estado de alertargamento ou torpor durante períodos de tempo máis ben curtos, ás veces semanas, ou incluso non mais de 8 días, como sucede co morcego rabudo (Tadarida teniotis). Sucede que con pequenos aumentos da temperatura pode haber explosión dalgún insecto, ante o que despertan para “poñerse as botas” volvendo logo de novo ao estado de torpor. Os morcegos de ferradura, cando entran neste estado, cobren frecuentemente todo o corpo coas ás. Coas primeiras xeadas van aos refuxios de inverno.
ALIMENTACIÓN:
Pequenos insectos, mosquitos, escaravellos, .. cumprindo unha importante función no ecosistema.
RASTROS:
EXCREMENTOS: Tamén chamado guano, soen ser alongados e de anchura uniforme. Desfanse facilmente, presentan partículas brillantes que proceden do exoesqueleto de quitina dos insectos que comen. Ás veces, en refuxios frecuentemente habitados, aparecen excrementos en grandes acúmulos.
CONSERVACIÓN:
Non é un grupo - o dos morcegos - ben estudado. Hai poucos especialistas e poucos estudos. Ademais, a súa mala fama non lles axuda nada "que se morden o millo, chupan sangue,...". Todo isto é falso, os nosos morcegos son insectívoros.
O que si é certo e que poden transmitir certas enfermidades se nos morden, como sucede coa fauna silvestre en xeral, pero un morcego non traba salvo en defensa propia. Isto é, se non os colles nin molestas é imposible que se lles ocorra mordernos, non terían nada que gañar e si moito que perder.
O morcego pequeno de ferradura está no anexo II da Directiva Hábitats e está considerado como especie vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas.
Moita xente ten, ás veces sen sabelo, unha colonia desta especie na súa casa, incluso pode levar moitos anos, xa que son fieis aos lugares de cría se non son molestados. Son unha especie protexida e ademais moi beneficiosa no ecosistema, xa que son os morcegos en xeral, os maiores consumidores nocturnos de insectos, pero o descoñecemento e a súa mala fama, fai que en moitas ocasións a xente se desfaga deles. Pero é un erro, ademais de ilegal. Nestes casos se pode acudir a asociación Drosera, que ten un programa chamado Morcegos de Galicia, que abarca a investigación, conservación, divulgación e sensibilización sobre os morcegos, eles nos informarán e asesorarán correctamente.
As principais ameazas que sofren son a alteración dos hábitats, a destrución dos seus refuxios e o uso de pesticidas.
CURIOSIDADES:
Por estudos xenéticos recentes, sábese que o morcego pequeno de ferradura asentouse en Galicia hai uns 75000 anos, en vales fluviais próximos á costa, como o val do Eume, que actuaron como refuxios climáticos.
O guano dos morcegos é moi rico en nitróxeno e polo tanto moi apreciado como abono. En España, o seu uso foi moi importante despois da Guerra Civil, xa que escaseaban os abonos químicos.
Complexo, asombroso, marabilloso o mundo da natureza, tan rico e tan
complexo, que un se asombra de que haxa tanta xente que viva de costas á
natureza, que un se asombra de que haxa tanto orgullo antropocéntrico.
Félix Rodriguez de la Fuente. La aventura de la vida - Las alas de la noche (I). 1975
Un Hercio é a unidade de frecuencia do Sistema Internacional de Unidades. Un hercio representa un ciclo por cada segundo, entendendo ciclo como a repetición dun suceso. Por exemplo, o hercio aplícase en física á medición da cantidade de veces por un segundo que se repite unha onda (xa sexa sonora ou electromagnética). Wikipedia.
Onde pasan a época máis fría.
A hibernación é a capacidade suficiente que teñen certos animais para adaptarse a condicións climáticas extremadamente frías, pode asemellarse a un estado de hipotermia durante algúns días, semanas ou meses, o cal lles permite conservarse durante o inverno. Durante a hibernación o metabolismo dos animais decrece ata un nivel moi baixo, ademais de ter unha temperatura corporal e unha frecuencia respiratoria inferior ao normal. Durante este período utilizan as reservas enerxéticas almacenadas nos seus corpos durante os meses máis cálidos. Wikipedia.
Tecido orgánico duro e ríxido que recubre exteriormente o corpo dos artrópodos e doutros invertebrados.
Grupo de individuos da mesma especie relacionados que viven xuntos.
Pesticida ou plaguicida é calquera substancia elaborada para controlar, matar, repeler ou atraer a unha praga que pode ser calquera organismo vivo provocador de danos ou perdidas económicas ou que transmita ou produza calquera enfermidade. EcuRed.
Un ecosistema é unha comunidade de organismos vivos considerados en conxunto coas compoñentes non-vivas do ambiente (como o aire, a auga ou os minerais), que interactúan entre si como un sistema. Wikipedia.
A Directiva Hábitats é unha directiva da Unión Europea adoptada en 1992, que ten por obxecto a conservación, a protección e a mellora da calidade do medio ambiente, incluída a conservación dos hábitats naturais, así como da fauna e flora silvestres, no territorio europeo dos Estados membros ao que se aplica o Tratado. O seu nome completo é Directiva relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres. Wikipedia.