Talitrus saltator
"A súa presenza e abundancia nas praias son indicadores de saúde ambiental no ecosistema".
Coñecidas por todos, saltando pola area, como manadas de "ñus" pero en diminuto. Si, esas son as pulgas, pero nada que ver coas “verdadeiras pulgas”, ambas especies son invertebrados artrópodos, pero as pulgas son insectos e a que nos ocupa agora é un crustáceo; vaia, do grupo no que está o marisco.
De corpo aplanado lateralmente, e de até 2 centímetros, con 13 pares de patas;7 pares parten do tórax, e 6 pares do abdome, destas, 3 pares son para nadar e os outros 3 para saltar. Ollos compostos e un par de longas antenas e outro de anténulas na cabeza.
Habita o nivel intermareal, e nas zonas máis elevadas escava galerías das que sae sobre todo ao amencer e ao caer a tarde a alimentarse, principalmente de
algas e restos orgánicos en descomposición que trae a marea.
A medida que pasa o tempo despois do amencer, cesan a súa actividade entre as algas para refuxiarse soterrándose na area por encima na liña de marea.
Viven entre 7 e 21 meses, dependendo da climatoloxía.
A presenza desta especie nas praias -ao contrario do que pensa a maioría da xente- (e igual pasa coas arribazóns de algas) son indicadores de saúde ambiental. Imprescindibles no mantemento do ecosistema, xa que son detritívoros, isto é, descompoñen a materia orgánica contribuíndo ao reciclado dos nutrientes, e son ademais alimento de moitas especies de peixes, aves e doutros invertebrados.
Un exemplo de bo facer témolo na Universidade de Vigo que -en colaboración co Concello- iniciaron no ano 2015 un proxecto de rexeneración das praias. Este consistiu na repoboación, con miles de pulgas de area previamente criadas en laboratorio, de diversos areais do sur de Vigo que, debido a malas prácticas como a “limpeza” mecanizada (con tractores) das praias e a contaminación, provocou unha verdadeira crise de biodiversidade.
"Os acúmulos de algas na area, que moitos ven como lixo e molestia, son
todo o contrario; funcionan como a herba nunha pradería, sendo a base na que se sustenta o resto do
ecosistema. Así que non deben ser retiradas a gran escala e menos con tractores, xa que arrastran coas algas
á maioría dos invertebrados que alí viven".
Antílope africano.
Órgano visual que se atopa en certos artrópodos como insectos e crustáceos. Consiste na agrupación de entre 12 e varios miles de unidades receptivas. Wikipedia.
Primeiro par de antenas na cabeza dun crustáceo. Función sensorial.
Espazo do territorio entre a marea alta e a marea baixa.