Saltar navegación

A chave

 

Glosario

Dilucidar

Pictograma que representa a unha persoa que explica diante dun encerado

Definición:

Pór en claro unha cousa, darlle explicación solucionando as dúbidas ou aspectos escuros que puidera presentar.

Exemplo:

Temos que dilucidar quen ten razón nesta discusión.

Eira

Pictograma dunha casa con terreo diante

Definición:

Sitio chan próximo á casa, feito de terra firme ou de pedra.

Exemplo:

Antes de xogar temos que limpar a eira.

Eixe

Pictograma dunha roda de bicicleta

Definición:

Barra de calquera material sobre a que roda outro obxecto.

Exemplo:

As rodas do bicicleta xiran sobre un eixe dianteiro e outro traseiro.

Parapeto

Debuco dun muro de pedras

Definición:

Varanda ou muro que se eleva á altura do peito e que serve de protección.

Exemplo:

Colócate onde o parapeto para protexerte do vento.

Quenda

Pictograma que representa o concepto de quenda

Definición:

Tempo en que lle corresponde a unha persoa facer, recibir ou usar algunha cousa, segundo unha repartición previa.

Exemplo:

Esta é a miña quenda para lanzar o dado.

Rexión

Ilustración dunhas vistas desde un miradoiro

Definición:

Territorio que se distingue doutros por ter certas características propias como: o clima, a topografía, a historia ou a cultura.

Exemplo:

Nesa rexión de España chove moito.

Século

Pictograma dun calendario

Definición:

Período de cen anos.

Exemplo:

Colón chegou a América no século dezaseis.

A chave

A chave é un xogo que parece ter a súa orixe nas cidades ferroviarias e que foi inventado por xente que traballaba no ferrocarril. Polo tanto, está asociada a Revolución Industrial do século XIX e mediados do XX e ás rexións industriais, que no norte de España están representadas por Xixón e a comarca do Bierzo. Hoxe en día é un enredo moi popular e que se xoga con bastante frecuencia, sobre todo en Galicia.

Úsase con diferentes variantes en Galicia, pero tamén en Asturias e Castela e León.

Os xogos de chave pódense facer por sistema eliminatorio ou por sistema de liga. 

Variantes do xogo da chave

Fotografía dunha chave de Ferrolterra

Chave de Ferrolterra

Fotografía dunha chave de Ourense

Chave de pas horizontais

Fotografía dunha chave de Santiago

Chave de lingua ou punta de lanza

A chave de Ferrolterra

A chave empregada consta dunha soa pa, ou aspa con forma de dobre lingüeta que está situada en vertical e pode xirar sobre un eixe horizontal apoiado en ambos extremos nunha forquita. As súas medidas son:

  • 52 cm de alto, dos que 29 corresponden ao espeto que se crava no chan e 23 a forquita en for ma de “U”. Ten un ha medida de 20 cm entre as gallas e no medio del xira libremente a pa.
  • A pa mide 36 cm de longo e 8 cm na parte máis ancha,
  • Os pellos son cinco discos de ferro de 8 cm de diámetro e 2 cm de espesor. Teñen un peso aproximado de 750 g
    A chave chántase no chan algo máis da metade do espeto e un pouco inclinada para atrás.
    Detrás da chave constrúese un parapeto (non é imprescindible facelo) forrado con goma para frear os pellos lanzados.
    A liña de lanzamento é un sendeiro de terra batida de dous ou tres metros de ancho no que se coloca unha madeira como liña de lanzamento a unha distancia de 10,5 metros. En ningún caso se pode pisar a liña de tiro.
    As normas máis importantes son as seguintes:
  • Xógase en equipos de tres persoas.
  • Cada participante ou equipo pode ter os seus propios pellos pero teñen que ser iguais.
  • Mentres un xogador lanza2, outro do mesmo equipo colócase a carón da chave, afastado dela, coa finalidade de colocar a pa en posición e recoller os pellos.
  • Cada xogo ten dúas partidas, cada partida, seis mans.
  • Cada persoa lanza cinco pellos en cada man.
  • Establécese unha orde para realizar os lanzamentos. Os equipos fan os lanzamentos de xeito alterno: primeiro lanza os seus cinco pellos o primeiro xogador do primeiro equipo e despois o primeiro xogador do segundo equipo. Non se pode mudar a orde de lanzamento nunha partida.
  • Para que unha chave sexa válida e puntúe cómpre que a pa dea unha ou máis voltas completas.
  • O pello non pode rebotar no chan.
  • Cada chave lograda anota un punto.
  • Nas partidas de torneo ou liga compre un xuíz anotador que tamén decidirá si é chave ou non.


TÁBOA DE PUNTUACIÓNS:

Esquema de rexistro de puntos do xogo da chave

Ver o vídeo con subtítulos (nova xanela)

A chave de pas horizontais

É un instrumento de ferro que consta dun eixe central groso duns 75 cm de lonxitude que na parte superior ten unha, dúas ou tres aspas, chamadas asas, que se dispoñen de menor a maior e de arriba abaixo e que xiran horizontalmente ao chan.

Polo outro lado o ferro está aguzado e crávase no chan cunha lixeira inclinación cara atrás.

O outro elemento do xogo son os pellos, que teñen uns seis cm de diámetro e 18 mm de grosor.

O terreo de xogo é unha chaira duns 20 metros de longo e nun dos extremos chántase a chave, lixeiramente inclinada para atrás. A unha distancia duns vinte pasos da chave riscase no chan a liña de lanzamento.

Cada persoa lanza catro pellos en cada unha das mans do xogo. Unha man é unha quenda de lanzamentos dun xogador ou xogadora de cada parella, que será correlativa e sempre seguirá a mesma orde.

A partida xógase a un número de xogos acordados de antemán, comprendendo sesenta tantos cada xogo: trinta de malas e trinta de boas. Os tantos conséguense por bater nas aspas ou no eixe.

A puntuación e a seguinte:

  • Se se bate nas aspas súmanse oito puntos.
  • Se o pello da no eixe, un punto e por proximidade ao eixe outro punto.
  • En cada quenda cada participante lanza dous pellos.
  • A contabilidade ten a particularidade de que en cada quenda de lanzamentos, os tantos iguais dunha e doutra persoa anúlanse e non se anotan máis que os excedentes se os hai.

Ver o vídeo con subtítulos (nova xanela)

Chave de lingua ou punta de lanza


Tamén coñecida como chave de Santiago ou chave da Coruña.

O instrumento consiste nun ferro que ten unha base de apoio por un extremo e polo outro remata nunha especie de pa ou espátula aguzada e lixeiramente inclinada. Non se espeta no chan senón que se apoia sobre a base que está levantada do chan uns 5 cm e ten que ser dun material distinto ao da propia chave. Puntuase cando se derruba e non ten elementos xiratorios.

A Chave xógase nun campo de terra, unha eira. Nunha eira pode haber varios tiros (liñas de tiro), cada tiro é un pedazo de terreo onde tirar os pesos contra a chave. Cando hai torneos con moita xente é habitual abrir varios tiros.

  • A distancia de lanzamento dos pellos é de 14,20 metros (algúns regulamentos falan de 14 metros), desde a liña do tirador ata a base da chave.
  • A chave é unha placa de ferro en forma de lingua, colócase sobre unha base, chamada cepo, para distinguir ben cando foi alcanzada sen rebotar.
  • Os pesos (ou pellos) pesan entre 500 e 550 gramos.
  • O peso ten que dar directamente sobre a chave, non é necesario tirala.
  • Hai dúas modalidades principais de xogo: individual e por parellas.
  • No xogo individual normalmente fanse 10 tiradas de 4 pellos e gaña quen máis chaves atina.
  • Na modalidade por parellas cada persoa tira dous pellos e as partidas son a 100 puntos valendo 8 puntos cada chave conseguida e un punto máis para o peso do equipo que fique máis próximo á chave, non contan os pesos que fixeron chave e no caso dun equipo ter dous pesos próximos anota os dous puntos. 
  • Os torneos por parellas xóganse habitualmente por eliminación.
  • Na liga xogan 4 parellas de cada equipo e a parella gañadora leva 1 punto, por tanto os resultados van desde o 4 – 0 ao empate a 2.

Fotografía dunha chave de lingua, preme para ver o vídeo sobre este tipo de chave

Ver o vídeo con subtítulos. (nova xanela)

Lectura facilitada

A chave e un xogo asociado ao ferrocarril polo que están feitas de ferro e usábanse no tempo de lecer.

Xógase en Galicia, pero tamén en Asturias e na comarca do Bierzo.

Pódese xogar por eliminatorias ou por ligas.

Existen tres tipos de chaves:

  • Chave de Ferrolterra.
  • Chave de pas horizontais.
  • Chave de lingua ou de punta de lanza.


Fotografía dunha chave de Ferrolterra


Chave de Ferrolterra



Fotografía dunha chave de Ourense


A chave de pas horizontais.



Fotografía dunha chave de Santiago


Chave de lingua ou punta de lanza

Feito con eXeLearning (Nova xanela)