Saltar navegación

4.1. Organización

 

Glosario

Plano

Debuxo dun plano

Definición:

Debuxo con liñas dun terreo ou a estrutura dun edificio.

Exemplo:

Juan mercou un plano para coñecer a cidade.

Sitios para os xogos

Como xa sabes, a festa ten tres partes: danzas tradicionais, xogos e reto do cole animado.

O que vai en cada parte xa o temos decidido na fase anterior, agora toca buscar os espazos para practicar os xogos e as danzas. Esta decisión non é sinxela porque hai que ter en conta o tipo de xogos e comprobar que o lugar sexa o adecuado. 

Algunhas preguntas para escoller os sitios:

  • O xogo necesita moito espazo? Un xogo de persecución precisa unha zona máis ampla que un xogo pintado.
  • O xogo é de tirar obxectos pesados? Por exemplo o xogo da ra ou a chave non poden ir xunto a unha fiestra!
  • No xogo poden ocorrer caídas? Pois mellor escoller un terreo de herba ou terra branda.

Decidide os sitios ideais para os xogos e as danzas. 

Un consello: creade un plano do lugar da festa e situade os diferentes espazos, así será máis doado facer o repartimento de xogos por zonas.

No plano tedes que marcar tres zonas:

  • Zona A: espazo con xogos para o alumnado máis pequeno.
  • Zona B: sitio cos xogos para o alumnado de maior idade.
  • Zona C: espazo para xogo libre. Se non hai suficientes monitoras e monitores, podedes crear unha zona para xogos libres, a exposición de xoguetes ou explicacións-demostracións de persoas expertas (talvez xente da vosa familia)

Lectura facilitada

Como xa sabes, a festa ten tres partes: danzas tradicionais, xogos e reto do cole animado.

Agora toca buscar os espazos para practicar os xogos e as danzas. 

Antes de escoller o sitio para cada xogo debes ter en conta estas preguntas:

  1. O xogo necesita moito espazo? Un xogo de persecución precisa unha zona máis ampla que un xogo pintado.
  2. O xogo é de tirar obxectos pesados? Por exemplo o xogo da ra ou a chave non poden ir xunto a unha fiestra!
  3. No xogo poden ocorrer caídas? Pois mellor escoller un terreo de herba ou terra branda.

Un consello: creade un plano do lugar da festa e situade os diferentes espazos, así será máis doado facer o repartimento de xogos por zonas.

No plano tedes que marcar tres zonas:

Zona A. Espazo con xogos para o alumnado máis pequeno.
Zona B. Sitio cos xogos para o alumnado de maior idade.
Zona C. Espazo para xogo libre. Para xogos libres sen monitoras ou monitores, para a exposición de xoguetes ou explicacións-demostracións de persoas expertas.

Axudar nos xogos

Tedes que elixir ás persoas que farán de monitoras e monitoras en cada xogo. A proposta inicial é formar parellas para ocuparse de cada enredo; hai tanto traballo que se necesitan dúas persoas coordinadas para atender o xogo. Se non é posible podedes probar outras alternativas como deixar algún xogo cun monitor ou monitora, ou solicitar axuda do profesorado.

As funcións que se asignan ás persoas monitoras as tedes no apartado "Somos responsables" (preme para ir ao apartado)

Lectura facilitada

Tedes que organizarvos para elixir as persoas que farán de monitoras en cada xogo.

A proposta inicial é formar parellas para ocuparse de cada enredo,

hai tanto traballo que se necesitan dúas persoas coordinadas para atender o xogo,

pero se non é posible podedes probar outras alternativas

como deixar algún xogo cun monitor ou monitora, ou solicitar axuda do profesorado.

As funcións que se asignan ás persoas monitoras as tedes no apartado "Somos responsables" (preme para ir ao apartado)

Tarxeta de participación

Antes de comezar a festa teredes que repartir as "tarxetas de participación": cada grupo terá o seu cartón. A vosa misión tamén será explicar o uso da tarxeta.

Antes de comezar o xogo deben anotar o nome na tarxeta. Cando remate a participación tedes que pedirlles que fagan unha valoración e, se queren, poden escribir un pequeno comentario sobre o xogo ou as cousas que aconteceron cando xogaban.

Tarxeta de participación

Hai que recoller as tarxetas cando acabe a festa, pois servirán para valorar como foi a festa do xogo.

Acceso ao recurso Tarxeta de participación en formato PDF (abre en nova xanela)

Acceso ao recurso Tarxeta de participación en formato edición

Feito con eXeLearning (Nova xanela)