Saltar navegación

3.1. Formamos equipos

Formamos equipos

Na seguinte sesión de Educación Física formaremos os equipos de traballo para preparar a festa do xogo.

Ilustración que representa un equipo de persoasFaremos os equipos cun xogo de botar as sortes. Non coñeces ningún? pois mira máis abaixo.

Cando teñamos os equipos repartiremos as categorías de xogos para facer a investigación.

Para o próximo día debes propoñer unha forma de botar as sortes para que a poidamos utilizar na clase.

Tamén podes preguntar na casa pola forma na que facían os sorteos nos xogos.

No apartado que explica os tipos de xogos [preme para acceder ao recurso] podedes atopar as tarxetas para repartir as categorías de xogos.

Cada equipo debe ter un nome que faga referencia a un xogo máis un adxectivo cualificativo. Por exemplo "Buxaina veloz".

Xogos de botar a sortes

Realmente non son xogos senón métodos que se utilizan para formar equipos, escoller ao que panda ou para decidir quen comeza o xogo.

As maneiras de botar a sortes son moi variadas aínda que as podemos agrupar en tres tipos:

De movemento

Son as que utilizan algunha forma de movemento, por exemplo "os pés". Un método de sortear na que dúas persoas enfrontadas avanzan paso a paso ata que se xuntan.

Outro exemplo é pares ou impares.

Con obxectos

Por exemplo co uso de paus pequenos ou garabullos de diferente tamaño que se ofrecen ás nenas e aos nenos que van xogar. A persoa que colle o garabullo máis curto é a que panda. Os garabullos son paus pequenos e delgados.

Tamén está neste grupo o xogo de botar unha moeda ao aire, xogo no que se ten que escoller entre "cara ou cruz?". Gaña a persoa que acertou o resultado.

Recitados

Unha persoa canta ou recita un pequeno poema.

Cancións de botar as sortes

Exemplos de cancións de botar as sortes

Nun café rifaron un gato,

un, dous, tres e catro.

Un, dous e tres,

zapatiño inglés.

A ver a quen lle toca

o número catro.

Barrabís

barrabás,

ti quedas e ti vas.

Lata, lata,

á redonda,

ao que lle toque

que se esconda.

Meu pai
ten un caixón
cheo de puntas
dime ti cantas son.
(a persoa sinalada di un número e se conta ese número de participantes)
Un, dous, tres, ...

Lectura facilitada

Os xogos de botar a sortes son formas que se utilizan para facer equipos,

tamén se empregan para escoller ao que panda ou para decidir quen comeza o xogo.

As maneiras de botar a sortes son moi variadas aínda que as podemos agrupar en tres tipos:

  1. De movemento: son as que utilizan algunha forma de movemento, por exemplo "os pés" ou pares e impares.
  2. Con obxectos: por exemplo con paus pequenos ou garabullos de diferente tamaño que se ofrecen as nenas e nenos que van xogar, a persoa que colle o garabullo máis curto é a que panda. Os garabullos son paus pequenos e delgados.
  3. Recitados: cantan ou recitan un pequeno poema.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)