Saltar navegación

2.6.1 Os inicios do átomo na historia

Imaxine que collemos unha folla de papel de aluminio e que a rachamos en metades moitas veces. Se tivésemos ferramentas axeitadas, poderiamos dividila e dividila indefinidamente en anacos máis e máis pequenos? Seguirían a ser aluminio eses anaquiños?

Os filósofos da antiga Grecia pensaron moito sobre isto. Un deles, Leucipo (450 a.C.), supuxo que logo de moitas divisións chegariamos a ter unha partícula tan pequena que non se podería dividir máis veces. O seu discípulo, Demócrito de Abdera (470-380 a.C.), chamou átomos a estas partículas (átomo significa indivisible en grego).

Pero Aristóteles, o filósofo máis importante da época, non concordaba coa idea dos átomos indivisibles. Para Aristóteles todas as substancias estaban formadas por mesturas de catro elementos: aire, terra, auga e lume. O seu enorme prestixio fixo que ninguén cuestionase as súas ideas, e o átomo de Demócrito foi esquecido durante máis de 2.000 anos.

A Escola de Atenas

A Escola de Atenas, do pintor Rafael. Os filósofos gregos nunca experimentaban, xa que traballar

coas mans era cousa de artesáns; eles só pensaban. Crían que a mente era suficiente para coñecer a verdade

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0