2.13.1 Propiedade dos compostos iónicos
-
Non conducen a electricidade en estado sólido. É debido a que os ións están fixos na rede (só poden vibrar), non poden desprazarse e por tanto non poden transportar a corrente eléctrica.
-
Conducen a electricidade disolvidos ou fundidos. Cando se disolve ou se funde, a rede cristalina desfaise e os ións xa poden moverse dun lado a outro e xa poden transportar a corrente eléctrica. Como exemplo podemos mencionar a auga destilada (a que usamos para as baterías dos coches). Esta auga case non conduce nada a corrente eléctrica. Botamos sal común (NaCl) na auga anterior e remexemos ata que se disolva. Comprobamos que agora a disolución si que conduce bastante ben a corrente eléctrica.
-
Son fráxiles. Un golpe fai vibrar a rede; se unha capa dos ións se despraza e quedan enfrontados os de igual signo, repélense e a rede cristalina fractúrase.
-
Teñen temperaturas de fusión e ebulición elevadas. As forzas eléctricas de atracción entre os ións son moi intensas, separalos precisa achegar moita enerxía. Por iso estas substancias iónicas son todas sólidas a temperatura ambiental. Así, o cloruro de sodio NaCl funde a 801 ºC; o óxido de calcio a 2.570ºC.
-
Solubilidade. Disólvense ben (non sempre) en auga e pouco ou nada en disolventes orgánicos (augarrás, gasolina, éter, tolueno... ). Así, de cloruro de sodio, o sal común, podemos disolver 359 g nun litro de auga, pouco en alcohol e practicamente nada en disolventes orgánicos.
Actividades resoltas
Como se forma o enlace iónico entre o magnesio (Mg) e o cloro (Cl). Cantos electróns perde o magnesio? Cantos gaña o cloro? Cal é a fórmula do composto resultante?
| Solución | O magnesio ten dous electróns na última capa, daquela para cumprir a regra do octeto ten que ceder dous electróns. O cloro xa vimos antes que quere capturar un electrón. O único xeito de cumprir ambos os requisitos é que un átomo de magnesio se xunte con dous de cloro: o átomo de magnesio dálle un electrón a un cloro e outro electrón a outro cloro; a fórmula do composto que se orixina é MgCl2. |
As substancias iónicas nunca son elementos, sempre son compostos. Por que?
| Solución | O enlace iónico dáse entre un metal e un non metal, deste xeito sempre se unen dous elementos distintos, logo a substancia resultante ten que ser un composto necesariamente. |
Actividade práctica: Conductividade das sustancias iónicas
|
|
Un sal iónico seco (como o sal común ou o sulfato de cobre) non conduce a corrente eléctrica. |
| A auga destilada ou desionizada (vale a que usamos para as baterías dos coches) case non conduce nada a corrente eléctrica. | |
| Botamos sal (NaCl) na auga anterior e remexemos ata que se disolva. Comprobamos que agora a disolución si conduce bastante ben a corrente eléctrica. |
Actividade proposta
S20. Das substancias seguintes, sinale cales presentan enlace iónico e cales non:
| KI | CaF2 | O2 | H2O |
FeO |
Hg |
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0
