1.1 Descrición da unidade didáctica
O eminente e divertido profesor de Física Richard P. Feynman (1918-1988) escribiu o seguinte: se nalgún cataclismo fose destruído todo o coñecemento científico e só puidese pasar unha frase á xeración seguinte de criaturas, o enunciado que tería a máxima información na mínima cantidade de palabras sería: todas as cousas están formadas por pequenas partículas que se moven perpetuamente...
Practicamente toda a química e grande parte da física moderna teñen a súa base no coñecemento do comportamento destas partículas microscópicas, invisibles mesmo cos máis potentes microscopios. Á fin de contas, nós mesmos somos unha inmensa morea desas partículas!
O modelo máis sinxelo para exemplificar o antes dito é o dos gases. Daquela revisamos o seu comportamento e analizamos a relación entre a súa presión, volume e temperatura, que pode reducirse as lei dos gases de Charles, Boyle e Gay-Lussac. Xustificaremos este comportamento empregando o modelo cinético.
Este modelo cinético pode aplicarse tamén aos líquidos e aos sólidos con lixeiras modificacións, o que nos vai permitir entender algunhas das características deles.
Afondaremos no modelo cinético coa introdución da idea da existencia dos átomos e unha breve indicación histórica, ata chegarmos ao modelo atómico actualmente aceptado.
Remataremos a unidade didáctica coa descrición dos mecanismos que seguen os átomos para unírense entre eles, para dar lugar aos tipos de enlace iónico, covalente e metálico, e as propiedades xerais das substancias que os presentan.
Esta é unha unidade didáctica longa, como vai ver, pero é fundamental para comprender moitos aspectos do comportamento da materia tanto na física como na química.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0