Teoría cinética e atómica da materia
2.12.1 Regra do octeto
Os átomos dos gases nobres (He, Ne, Ar... ) non se enlazan con outros átomos: son gases monoatómicos, é dicir, dun só átomo. Xa que logo, eses átomos xa son estables e non precisan enlazarse con outros para diminuír a súa enerxía. Que teñen de especial estes átomos? Pois que teñen oito electróns na derradeira capa. Pensouse entón que o obxectivo dos átomos era ter oito electróns na última capa (regra do octeto), e iso poden conseguilo enlazándose con outros átomos gañando, perdendo ou compartindo algúns electróns.
Á vista da táboa periódica, cantos electróns lles faltan ou lles sobran aos seguintes átomos para cumprir a regra do octeto?
| Na (metal) | O sodio ten número atómico 11, e o gas nobre máis próximo ten 10. Por tanto ao sodio sóbralle un electrón. | O (non metal) | O osíxeno ten 8 electróns, fáltanlle dous máis para ser como o neon. | |
| Ca (metal) | O calcio ten en total 20 electróns, e o gas nobre argon ten 18: ao calcio sóbranlle dous electróns. | S (non metal) | O xofre está na mesma situación que o osíxeno, fáltanlle dous electróns para ter os mesmos que o gas nobre argon. | |
| F (non metal) | Ao flúor fáltalle un electrón para ser semellante ao neon. | N (non metal) | Ao nitróxeno fáltanlle tres electróns. | |
| Cl (non metal) | Ao cloro pásalle como ao flúor anterior, fáltalle un electrón para parecerse ao gas nobre argon. | Xe (non metal) | O xenon é xa un gas nobre, non lle falta nin lle sobra ningún electrón para ser estable. Xa o é de seu | |
| I (non metal) | O iodo ten 53 electróns, o gas nobre máis próximo ten 54: fáltalle un electrón. | H (non metal) | O hidróxeno ten 1 electrón, e o helio (gas nobre) ten 2; daquela o hidróxeno precisa dun electrón máis. |
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0