4.1 Contidos en lingua galega
Bloque de comunicación oral: características da lingua oral
- A canle de comunicación é auditiva.
- A comunicación prodúcese de maneira case inmediata; emisor e receptor están presentes.
- É momentánea, é dicir, ten unha duración limitada ao momento preciso da comunicación.
- Apóiase na entoación e nos xestos corporais dos falantes.
- Emisor e receptor interactúan no acto comunicativo.
- É máis espontánea e menos coidada que a lingua escrita. Abundan as repeticións, frases inacabadas, frases feitas…, e as estruturas son máis sinxelas.
Bloque de comunicación escrita: ideas principais e secundarias
- Para comprender un texto é importante identificar: o tema ou asunto sobre o que trata; a idea principal, que é o que se di sobre ese tema; as ideas secundarias, que apoian, reforzan e explican a idea principal.
- Para crear un texto debe seguir os seguintes pasos:
– Elixir un tema e anotar ideas relacionadas con el.
– Organizar as ideas de forma ordenada.
– Facer unha primeira redacción.
– Revisar e corrixir a redacción: a ortografía, a acentuación, as conexións das ideas…
– Redactar a redacción definitiva coidando a presentación.
Bloque de coñecemento da lingua: normas ortográficas: a puntuación
- Punto: supón unha pausa no discurso. Despois de punto escríbese con letra maiúscula. O punto e seguido separa entre si as distintas oracións. O punto e á parte indica o final dun parágrafo.
- Coma: representa unha pausa no discurso máis breve que a do punto. Emprégase para facer aclaracións, nas enumeracións, para separar dous membros independentes dunha oración, para separar as locucións conxuntivas ou adverbiais e os vocativos.
- Punto e coma: separa os diferentes membros dunha oración longa na que xa hai unha ou máis comas.
- Dous puntos: empréganse diante dunha enumeración, para introducir unha aclaración ou resumo do exposto, para introducir unha cita textual, cando o narrador cede a palabra a un personaxe e despois dun verbo de lingua, despois do saúdo nas cartas e documentos.
- Puntos suspensivos: utilízanse ao final dunha enumeración incompleta, cando se deixa en suspenso o final dunha frase, cando se quere expresar dúbida, temor, etc.
- Interrogación: nas preguntas directas emprégase o signo ? no seu final.
- Exclamación: nas frases con entoación exclamativa emprégase o signo ! ao final.
- Comiñas: úsanse para marcar citas textuais, para salientar estranxeirismos, vulgarismos, ou expresións con sentido figurado e para citar os títulos de obras literarias, películas, etc.
- Parénteses: introducen na oración datas, palabras ou frases aclaratorias que interrompen pero non alteran o sentido do texto, e para facer constar o nome do autor despois dunha cita textual.
- Guión: igual que as paréntese, introducen unha expresión aclaratoria. Nos relatos literarios introducen cada unha das intervencións dos personaxes.
Bloque de lingua e sociedade: diversidade lingüística no mundo, en España e en Galicia
- No mundo fálanse unhas 6500 linguas, pero a metade corren perigo de desaparecer. Oceanía é a parte do mundo con máis diversidade lingüística. Un 50% das linguas do mundo concéntranse en 8 estados: Papúa Nova Guinea, Indonesia, Nixeria, India, México, Camerún, Australia e Brasil. Poucas gozan de boa saúde e a globalización pode provocar que algunhas comunidades abandonen as súas linguas.
- En España, ademais do castelán, idioma oficial en todo o país, comparten cooficialidade co castelán nas súas respectivas comunidades autónomas o galego, o catalán, o éuscaro e o aranés.
- En Galicia, galego e castelán comparten cooficialidade, polo tanto existen dúas linguas en contacto entre as que se producen unha serie de interferencias. As interferencias do galego no castelán chámanse galeguismos, e as interferencias do castelán no galego chámanse castelanismos.
- Bilingüismo: situación que se produce nunha sociedade con dúas linguas en contacto na que as dúas se empregan en condicións de igualdade.
- Diglosia: situación que se produce nunha sociedade con dúas linguas en contacto na que unha delas é considerada lingua de prestixio e a outra é relegada ao uso coloquial e familiar. Prodúcese así o conflito lingüístico, situación de desequilibrio entre as dúas linguas: unha é a dominante e outra é a dominada.
Bloque de educación literaria: os xéneros literarios clásicos. Elementos da narración
- A lírica: xénero lírico. A poesía lírica expresa os sentimentos persoais do autor ou autora sobre os temas que trata. Os poetas describen o seu mundo interior para revelar as súas emocións. A súa orixe está relacionada coa música. Hai poesía culta de autores coñecidos e poesía popular de autor anónimo (cantigas e coplas populares).
- A narrativa: xénero narrativo. Os textos narrativos son aqueles nos que un narrador conta uns feitos, reais ou imaxinarios, protagonizados por uns personaxes nun lugar e nunha época. Algúns subxéneros narrativos son a novela, a novela curta e o conto.
Os elementos esenciais da narración literaria son:
– O narrador: é a voz que conta a historia, quen fala. Hai diferentes tipos:
– Protagonista: conta en primeira persoa os feitos que el protagoniza.
– Testemuña: é testemuña dos feitos que relata en primeira persoa.
– Omnisciente: narra os feitos en terceira persoa, sitúase fóra da historia pero sábeo todo sobre os personaxes do relato.
– Observador: conta en terceira persoa as accións dos personaxes pero descoñece os seus pensamentos, emocións…
– En segunda persoa: fai o relato en segunda persoa. É pouco frecuente.
– A acción: conxunto de sucesos e feitos que acontecen no relato. Estrutúrase en tres partes: inicio, nó e desenlace.
– Os personaxes: protagonizan os sucesos. Poden ser principais ou secundarios, segundo a relevancia que teñan nos feitos que se relatan, e redondos ou planos, segundo a complexidade da súa caracterización.
– O lugar: espazo no que transcorre a acción.
– O tempo: é a sucesión cronolóxica dos feitos. Temos que distinguir entre:
– Do relatado: é o tempo que abrangue a historia narrada (anos, meses…) situada nunha época concreta.
– Do discurso: é a organización narrativa da cronoloxía dos sucesos.
- O teatro: xénero teatral. Os textos teatrais nacen para seren representados. Carecen de narrador e a acción desenvólvena os personaxes actuando nun escenario diante dos espectadores. Constan dunha parte literaria (diálogos dos personaxes e anotacións) e outros elementos como a posta en escena, vestiario, iluminación… Os principais subxéneros teatrais son a traxedia, a comedia e o drama.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License