2.18 O avaro

Escena III  (Harpagón e Frecha)

Harpagón. Fóra de aquí ao momento e que non se me replique! Imos, marcha da miña casa, gran mestre fulero, verdadeira carne de forca.

Frecha. (Aparte.) Non vin nunca nada tan perverso como este maldito vello; e creo, con perdón, que ten o demo no corpo.

Harpagón. Rosmas entre dentes?

Frecha. Por que me botades?

Harpagón. Vas pedirme explicacións ti, so pillabán? Sal a présa, antes que che dea unha labazada.

Frecha. Que vos fixen?

Harpagón. Pois me fixeches... desexar que te marches.

Frecha. O meu amo, o voso fillo, ordenoume esperalo.

Harpagón. Vaite a esperalo á rúa e non permanezas na miña casa, plantado coma un poste, observando o que pasa e aproveitándote de todo. Non quero ter diante sen parar un espía dos meus negocios, un traidor cuxos condenados ollos asedian todos os meus actos, devoran o que posúo e fisgando por todos lados para ver se hai algo que roubar.

Frecha. Como diantre queredes que se apañen para roubarvos? Sodes un home roubable cando todo o encerrades e estades de sentinela día e noite?

Harpagón. Quero encerrar o que se me antolla e estar de sentinela como me pete. Non hai laretas que se preocupan do que un fai? (Baixo, aparte.) Tremo por se sospeitou algo do meu diñeiro. (Alto.) Non es ti deses homes que corren o rumor de que teño diñeiro na miña casa?

Frecha. Tedes diñeiro escondido?

Harpagón. Non, pillo, non; non digo iso. (Aparte.) Sufócame a rabia. (Alto.) Pregunto se non vas por aí facendo correr maliciosamente o rumor de que o teño.

Frecha. Eh! Que nos importa que o teñades ou que non o teñades, se para nós é o mesmo?

Harpagón. (Levantando a man para dar unha labazada a Frecha.) Alardeas de razoador! Xa che darei eu razoamento nas orellas. Sal de aquí, repito.

Frecha. Ben! Marcharei.

Harpagón. Espera. Non levas nada?

Frecha. Que vou levar?

Harpagón. Anda, ven aquí que o vexa. Ensíname as mans.

Frecha. Aquí están.

Harpagón. As outras.

Frecha. As outras?

Harpagón. Si.

Frecha. Aquí están.

Harpagón. (Sinalando as calzas de Frecha.) Non metiches nada aí dentro?

Frecha. Védeo vos mesmo.

Harpagón. (Apalpando as calzas de Frecha.) Estas anchas calzas son apropiadas para converterse en ocultadoras das cousas roubadas, e quixese eu que aforcasen a alguén por iso.

Frecha. (Aparte.) Ah, como se merecía un home así o que teme! E que gozo tería eu en roubarlle!

Harpagón. Eh?

Frecha. Como?

Harpagón. Que falas de roubar?

Frecha. Dicíavos que rexistrásedes ben por todas partes para ver se vos roubei.

Harpagón. Iso é o que quero facer. (Harpagón rexistra os petos de Frecha.)

Frecha. (Aparte.) Mal haxa a avaricia e os avarentos!

Harpagón. Como? Que dis?

Moliere, O avaro, obra estreada en 1668, en París

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License