2.15 Os xéneros literarios clásicos (aspectos teóricos)
As obras literarias (novelas, contos, poemas, obras de teatro, etc.) poden clasificarse en grandes grupos de acordo coas características que teñen.
A lírica: o xénero lírico
Entendemos por poesía lírica a que expresa os sentimentos persoais do autor ou autora sobre os temas que trata. Os poetas pretenden describir o seu mundo interior coa finalidade de revelar as súas propias emocións. Como xa veremos en unidades posteriores, os textos líricos teñen recursos específicos.
O xénero lírico é moi antigo, nas súas orixes está relacionado coa música. Xunto á poesía culta de autores coñecidos, existe tamén unha poesía popular de autor anónimo e cantada polo pobo, que a foi transmitindo oralmente de xeración en xeración (cantigas e coplas populares, folclore infantil, etc.).
A narrativa: o xénero narrativo
Narrar é contar ou referir feitos que poden ser reais ou imaxinarios. Nos textos narrativos, un narrador conta uns feitos protagonizados por uns personaxes nun espazoe nun tempo.
Forman parte da narrativa a novela, a novela curtae o conto. Aínda que a novela é un xénero moderno, o conto é unha forma narrativa cultivada desde épocas remotas e nas súas manifestacións máis antigas (contos populares, lendas, etc) foi transmitido de forma oral.
O teatro: o xénero teatral
Os textos teatrais están destinados a seren representados. O seu asunto non é relatado por un narrador, como no caso da narrativa, senón que o desenvolven uns personaxes que actúan nun escenario diante dos espectadores. Polo tanto, ademais da parte literaria, formada polos diálogos entre os personaxes e as anotacións (indicacións que dá o autor teatral para a posta en escena da obra, e que van entre parénteses), hai que considerar outros elementos que forman parte do espectáculo dramático: posta en escena, traballo dos actores, vestiario, decorados, iluminación, música, etc.
Dentro do xénero teatral cómpre distinguir entre traxedia, comedia e drama.
- Traxedia: é de orixe grega; nela o home sucumbe irremisiblemente ante as forzas do destino que o arrastran a un desenlace catastrófico desencadeado por feitos dos que non é totalmente responsable.
- Comedia: amosa un conflito que pretende ser representación da vida e ten final feliz.
- Drama: mestura elementos da traxedia e da comedia e, aínda que desenvolva asuntos dolorosos, os personaxes non están determinados polas forzas do destino.
Actividades propostas
S17. Lea os textos seguintes e responda ás cuestións.
- Diga, en poucas palabras, cal é o tema principal de cada texto.
- Indique o xénero literario ao que pertence cada un.
- Localice as repeticións que hai no texto 2.16. Indique, se o sabe, que nome recibe ese recurso literario.
- Identifique dúas comparacións e unha personificación no texto 2.17.
- Sinale as anotacións do texto 2.18 e indique a súa función no texto.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License