2.14 A situación lingüística en Galicia (aspectos teóricos)

En Galicia fálanse dúas linguas, o galego (lingua propia de Galicia) e o castelán (lingua oficial de todo o Estado). Polo tanto comparten oficialidade e, xa que logo, podemos falar de cooficialidade dunha e doutra.

  • Linguas en contacto. O máis frecuente é que os individuos que viven nunha mesma comunidade utilicen entre si a mesma lingua, pero tamén existen sociedades nas que conviven dúas linguas distintas. Cando isto sucede dise que nese territorio existen dúas linguas en contacto. Este é o caso de Galicia, onde se fala galego e castelán.
  • Interferencias. Debido a este contacto, e polo uso alternado que os individuos e os grupos sociais fan das dúas linguas, entre elas prodúcense unha serie de interferencias. Estas teñen lugar cando no uso dunha das linguas en contacto se empregan vocabulario, expresións ou construcións propias e específicas da outra lingua.

Son frecuentes as interferencias do galego no castelán, isto é, os galeguismos do castelán. Mais as interferencias do castelán no galego, chamadas castelanismos, son moito máis frecuentes debido á presión social que o castelán, visto como lingua de prestixio, exerce sobre o galego. Exemplos de castelanismos: sartén (por tixola), viernes (por venres), grifo (por billa), conexos (por coellos), lle dixen (por díxenlle)…

 

O bilingüismo, a diglosia e o conflito lingüístico

 Nunha sociedade con dúas linguas en contacto pódense dar dúas situacións:

  • Bilingüismo: cando o uso das dúas linguas se leva a cabo en condicións de igualdade.
  • Diglosia: que é o noso caso, cando o uso de cada unha das linguas está condicionado. Neste caso unha delas foi tradicionalmente considerada lingua de prestixio e cultura (o castelán) e a outra só válida para os contextos coloquiais e familiares (o galego). É nesta situación cando se produce o chamado conflito lingüístico, situación de desequilibrio na que un dos grupos lingüísticos é dominante e o outro ou outros están dominados ou oprimidos.

O feito de que unha parte da sociedade, hoxe en día, aínda considere o castelán coma unha lingua de cultura e o galego unha lingua reservada para contextos coloquiais ou familiares, é signo inequívoco dos prexuízos que segue sufrindo a lingua propia de Galicia, pois todas e cada unhas das linguas do mundo serven tanto para falalas en contextos coloquiais coma para utilizalas en calquera tipo de obra literaria ou en contextos académicos, etc.

 Actividades propostas (texto 2.14)

S13.  Analice a situación lingüística no seu concello.

  • Que idioma fala a maioría da poboación en Galicia?
  • Cal é o idioma que utiliza oficialmente a súa corporación local nos documentos e nas manifestacións públicas?

S14.  Se ten acceso a internet, visite as edicións dixitais dos seguintes xornais:

  • Xornal de Galicia.
  • Galicia Hoxe.
  • La Voz de Galicia.
  • La Región.
  • El Correo Gallego.

Describa brevemente que presenza, que visibilidade ten o galego en cada un. Extraia conclusións e póñaas por escrito. Se non ten acceso a internet, consulte edicións en papel destes xornais.

S15.  Agora céntrese nos medios audiovisuais, concretamente na televisión. Cantas canles hai en galego e cantas en castelán?

S16. Tendo en conta o visto nas actividades anteriores, que opinión lle merece a situación actual do galego respecto do castelán nos medios de comunicación, sexan escritos ou audiovisuais? Cre que o galego está en desvantaxe? Por que? Poña por escrito a súa opinión (a extensión máxima será dunha cara).

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License