2.5 A galería

Lea o seguinte texto e os das páxinas seguintes, e preste atención ás actividades resoltas.

 

Aparecida nas cidades galegas nos últimos anos do século XVIII –co fin de alcanzar un mellor illamento térmico e proporcionar un novo espazo para vivir que permitise aproveitar os escasos raios de sol do inverno e tomar o fresco durante os meses estivais-, como posible adaptación da solución construtiva utilizada polos carpinteiros de ribeira nos castelos de popa das embarcacións, as galerías non foron utilizadas polo construtor popular ata ben entrado o século XIX, momento en que comeza en Galicia a fabricación do cristal plano.

O seu uso, nun principio reducido ao cerramento de vellas solainas ou corredores, por medio dunha lámina exterior de madeira e máis ou menos cristal, estendeuse, porén, a partir de mediados do século XIX con tal rapidez que acabou por converterse, nun curto espazo de tempo, nunha das solucións máis utilizadas da arquitectura popular costeira, dando lugar a unha nova dependencia da vivenda que, a modo de pequeno invernadoiro, contribuiría á súa climatización.

(…) Construtivamente, a galería redúcese a un volume pechado, no que o paramento interior se  limita a un cerramento de pedra, madeira ou pallabarro, xeralmente situado na cara interior do muro e os paramentos frontal e laterais, a unha estrutura de carpintaría composta por puntais e antepeitos de madeira de carballo complementada con ventás do mesmo material pechadas por cristais de pequenas dimensións. Unha estrutura na que, por outra parte, é necesario salientar a presenza de ornamentacións con espléndidas decoracións artesanais.


De Llano, Pedro, Arquitectura popular en Galicia, razón e construción. Xerais, Vigo, 2006

Actividade proposta

S5. Subliñe con cores diferentes a idea principal e as secundarias do texto 2.5

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License