2.8 Fuga de cerebros
O problema é vello. Os nosos universitarios ao acabar a carreira non atopan aquí traballo acorde á súa formación; acaban en moitos casos de condutores de autobús, porteiros de noite, vendedores en tendas de luxo, ou na casa dos pais e no paro. Médicos ou enfermeiras van a Portugal (sobre todo os galegos) ou a Inglaterra. Había unha excepción: os enxeñeiros industriais, sobre todo os de telecomunicación, a xoia da coroa. Eses tiñan traballo seguro… ata que chegou a crise.
Agora Alemaña necesita 36.000 enxeñeiros. Alí a xente nova preferiu unha formación profesional, que é máis curta e está ben pagada. E, como Alemaña non é unha ONG, busca enxeñeiros onde máis baratos están, ou sexa, en España. Nada que ver coa man de obra case analfabeta que marchou para aló nos anos 70. Agora van rapaces ben preparados, que cobrarán un 40% menos que os seus colegas alemáns, pero que en poucos anos estarán integrados naquel país. A maioría non volverán, ou farán como o emigrante do poema rosaliano: "Cando xa vello sea / tornarei cos meus ósos para a aldea / que algo lle hei de levar á terra nosa". Non é culpa deles. Ao perdelos, perdemos de novo o tren do futuro.
Mayoral, Marina, Fuga de cerebros, artigo publicado en La Voz de Galicia (7-02-2011)
Actividades propostas
S7. Textos 2.7 e 2.8. Responda ás seguintes cuestións.
- Escriba, en poucas palabras, cal é o tema de cada texto.
- Subliñe con cores diferentes a idea principal e as secundarias de cada texto.
- Cada texto (2.5, 2.6, 2.7 e 2.8) ofrécenos a información de diferentes maneiras: de xeito expositivo, a modo de instrucións, como opinión persoal e de modo explicativo. A que texto corresponde cada unha desas maneiras? Por que?
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License