2.11 Normas ortográficas: a puntuación (aspectos teóricos)
A ortografía é a parte da gramática que se ocupa da escritura correcta das palabras e do uso dos outros signos gráficos da lingua. Nas linguas galega e castelá temos os seguintes signos gráficos:
Signos de puntuación
- Punto: supón unha pausa no discurso. Despois dun punto sempre se empeza escribindo con letra maiúscula.
– Punto e seguido, utilízase para separar entre si as oracións.
– Punto e á parte, utilízase para indicar o final dun parágrafo ou grupo de oracións relacionadas. Cando se emprega un punto e á parte é necesario cambiar de liña.
- Coma: tamén representa unha pausa no discurso, máis breve que no caso do punto. Emprégase nos seguintes casos:
– Para limitar unha aclaración ou ampliación que se inserta nunha oración. Exemplo: Francisco, o meu compañeiro de traballo, presentoume á súa noiva.
– Para separar dous membros independentes dunha oración, haxa ou non conxunción entre eles. Exemplo: Recibín a túa mensaxe, pero foime imposible acudir á cita.
– Para separar dúas ou máis palabras ou frases que sexan da mesma clase, ou formen enumeración. Exemplo: Tiña coches, motos, bicicletas e autobuses.
– Para separar as locucións conxuntivas ou adverbiais, tales como: ou sexa, é dicir, non obstante… Exemplos: Non o fixen ben, ou sexa, trabuqueime; Contestou mal, non obstante, aprobou.
– O vocativo escrébese seguido de coma se vai ao principio da oración, precedido de coma se vai ao final, e entre comas se vai no medio. Exemplos: Carlos, ven aquí. Ven aquí, Carlos. E agora, rapaces, facede os exercicios.
- Punto e coma: separa os membros dunha oración longa na que xa hai unha ou máis comas. Exemplo: Louvado sexa Deus porque me permitiu nacer, medrar, facerme home e agora envellecer neste grande reino que chamamos Galicia; neste grande reino do Fisterre que vai dende os montes ata o mar, onde brillan os pés do vento... (Álvaro Cunqueiro).
- Dous puntos: utilízanse nos seguintes casos:
– Diante dunha enumeración. Exemplo: Os puntos cardinais son catro: norte, sur, leste e oeste.
– Para introducir unha aclaración ou un resumo do exposto. Exemplo: As cousas estaban así: tiñamos que optar entre quedar ou marchar; en poucas palabras: cada un será responsable do seu traballo.
– Cando se fai unha cita textual. Exemplo: O home aquel dixo: "Agora direivos a verdade do que pasou".
– Nos relatos, cando o narrador cede a palabra a un personaxe e despois dun verbo de lingua (dicir, preguntar, contestar, manifestar, comentar, expoñer…). Exemplo: Daquela o lobo preguntou: - Onde vas, Carapuchiña?
– Despois do saúdo nas cartas e documentos. Exemplo: Meu querido amigo: Recibín a túa carta e dispóñome a dar resposta…
- Puntos suspensivos: utilízanse nos seguintes casos:
– Ao final dunha enumeración que queda incompleta. Exemplo: Ti vasme pasando o que eu che pida: martelo, tacos, parafuso…
– Cando se quere deixar en suspenso o final dunha frase, ou cando non é necesario rematala porque se sobreentende. Exemplo: Se eu che contase…/ Respecto ao que ti sabes… Hoxe teño novidades.
– Cando se quere expresar dúbida, inseguridade, temor, etc. Exemplo: Pois… Eu non lle sei nada… Por aquí non chegan as noticias…
Signos de interrogación e exclamación, e comiñas
- Interrogación: nas preguntas directas emprégase o signo ? no seu final. Exemplo: Como te chamas?; Cantos anos tes?; Recibiu a mensaxe?
- Exclamación: emprégase o signo ! ao final de frases con entoación exclamativa. Exemplo: Ven aquí axiña!; Nunca vira nada semellante!
- Comiñas: utilízanse nos seguintes casos:
– Para marcar citas textuais. Exemplo: O candidato dixo no seu discurso: "Galicia necesita un novo impulso social".
– Tamén se usan para salientar estranxeirismos, vulgarismos ou expresións utilizadas en sentido figurado. Exemplo: Esa canción está nun "compact disc" que teño eu; Botamos toda a noite de "carallada".
– Os títulos que se intercalan nun texto van entre comiñas. Exemplo: Estamos lendo "Longa noite de pedra"; Onte na televisión vin a película "A guerra dos mundos", na versión de Steven Spielberg.
As parénteses e o guión
- Parénteses: utilízanse nos seguintes casos:
– Para introducir na oración datas, palabras ou frases aclaratorias que interrompen pero que non alteran o sentido do texto. Exemplo: Fisterra (importante vila da Costa da Morte) vive fundamentalmente da pesca; Carlos Casares (1941-2002) deuse a coñecer co libro de relatos "Vento ferido".
– Despois das citas textuais, para facer constar o nome do autor ou autora.Exemplo: "Cheguei, vin, vencín" (Xulio César).
- Guión: utilízase nos seguintes casos:
– Ten un uso igual que as parénteses para introducir unha expresión aclaratoria. Exemplo: Aquela tarde –como eu xa tiña previsto– ninguén faltou á reunión.
– Nos relatos literarios, úsase o guión nos diálogos para introducir cada unha das intervencións dos personaxes, e tamén para separar dentro delas as aclaracións que fai a voz narradora. Exemplo:
|
Nisto entra na reloxería unha criada. –Rapaza, ti sabes que quere dicir mastodonte? –preguntou Pedro. –Eu que sei!... – respondeu a criada. Despois entra un señor de gafas, e Pedro volve a inquirir: –Vostede poderá dicirme que quere dicir mastodonte? –Mastodonte dixo? Pois… é un animal. |
|
Castelao. Os dous de sempre. Editorial Galaxia |
Actividade proposta
S10. Lea o texto 2.12 (Falamos pero non conversamos) e anote os signos de puntuación que contén e que función desempeñan en cada caso.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License