2.9 A bala

Actividade de lectura

Que balazo! E xusto ás miñas costas! Crucei voando un corredor estreito e atopeime sobre o campo de batalla. Relucín ao sol –é que son de bronce.

Tíñao claro: debía voar sempre para adiante e por iso non podía desviarme. Era xusto na primavera e o aire era bárbaro… A unha colega miña disparárona á chuvia. E de que mala gana foi! Pero o destino éche así. O meu destino tiña un caso gris na cabeza. Marcoume o rumbo e entón eu voei… O aire era bárbaro, ía sol… en fin, como para unha excursión.

E mentres voo entón, de súpeto, paso diante dun tipo… como diría eu… podería ser un "guaperas" pero xa había moito que non se afeitaba e estaba todo cheo de po. Algo en min empezou a dicir: rapaza, ese era o teu. E agora que? Volvo? Non son un búmerang. Seguín a voar.

Que aire máis bárbaro facía… só que eu seguía a pensar naquel –xa sabedes, o "guaperas"- Que pena que non se afeitara!... Pero a ese deixeino atrás. Ao mellor outra conseguiuno. Como se me pasou isto pola cabeza, empecei a ter celos. Algo arrastrábame cara a ese tipo tan xeitoso e poeirento. Sabedes?, era terrible. De súpeto empecei a sentir que era el. E que tal vez outra o conseguira. Repetinme inutilmente que seguro que outro había de estar a agardar por min… Non agardaba!

Nese momento voaba ao lado dun piñeiral e caín na conta de que estaba perdida. Xa sabedes, cando unha bala se perde, simplemente perde o tren da súa vida.

E nisto, detrás da fraga remolcaran unha especie de carro e, por riba del, mantas e roupa… e, a carón do carro, cambaleaba un cativo. Decateime de que chegara a miña oportunidade. Xa estaba algo débil, pero reunín todas as miñas forzas para non quedar para vestir santos. Pero xa era tarde.

Tan só dei un croque contra unha ola de folla de lata que estaba atada ao carro e desvanecinme; xusto aos pés daquel rapaciño. Entón el recolleume torpemente do chan e sorriu. Aínda estaba morna….

Suchý Jiří, Cen contos ou sexa, un plan incumprido, Instituto de idiomas da USC, Santiago de Compostela, 2000 (adaptado)

Actividades propostas

S8.  Lea o texto seguinte (A bala) e escriba o seu contido fundamental.

  • Indique quen conta os feitos que acontecen no texto e que persoa emprega. Que sentimentos ten? Localice a expresión coa que se dirixe a nós, os lectores.
  • Malia tratarse dun texto escrito, presenta algunha característica da lingua oral. Indíqueas e poña exemplos do texto.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License