2.16 Bendito sexa o ano, o mes, o día

Bendito sexa o ano, o mes, o día
que te encontrei no medio do camiño
e andabas escollendo a flor do espiño
sen te mancar na espiña que fería;

bendita sexa a hora en que eu prendía
no teu claro mirar de trigo e liño
e o instante en que probei o manseliño
mel da palabra túa de amavía:

bendito sexa o intre e o segundo
en que determinei ser teu amigo
e camiñar contigo polo mundo.

bendito sexa o porto e a cidade
onde embarquei para navegar contigo
nun navío de amor e de saudade.

Darío Xoán Cabana

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License