2.19 Elementos da narración (aspectos teóricos)

Algúns dos elementos esenciais da narración literaria son:

  • Narrador: a voz que conta a historia, quen fala. Podemos atoparnos con diferentes tipos de narrador:

–   Protagonista: cando o relato se narra en primeira persoa e ademais protagoniza os feitos que conta.

–   Testemuña: cando o relato se narra, polo xeral, en primeira persoa. O narrador é testemuña dos feitos relatados.

–  Omnisciente: cando o relato se narra en terceira persoa. O narrador sitúase fóra da historia e refírese á mesma de forma omnisciente, coma un deus que o sabe todo sobre os personaxes do relato.

–   Observador: cando o relato se narra en terceira persoa. O narrador sitúase fóra da historia pero limítase a describir as accións dos personaxes sen en ningún momento ser coñecedor dos seus pensamentos, emocións, etc.

–  En segunda persoa: cando o relato se narra en segunda persoa. O narrador pódese dirixir ao protagonista da historia ou ben recorrer á estrutura epistolar.

  • Acción: sucesos que acontecen e que uns son causa dos outros. A orde da acción estrutúrase da seguinte forma:

–  Inicio: preséntanse os personaxes e establécese a acción que se vai desenvolver. Exponse tamén o marco espacial e temporal da historia.

–   : a situación exposta no inicio comeza a evolucionar. É dicir, desenvólvese o conflito no que se verán inmersos os personaxes.

–   Desenlace: resólvese o conflito e danse por finalizados os sucesos que se presentaron no inicio.

  • Personaxes: aqueles que protagonizan os sucesos. Ademais da clasificación de personaxes principais e secundarios, segundo a relevancia que teñan nos feitos narrados, existen dúas clases principais de personaxes no relato literario:

–   Planos: son os definidos cunha mínima caracterización. Non sofren ningunha transformación ao longo da novela.

–  Redondos ou modelados: son os definidos dunha forma complexa. Ofrécesenos unha caracterización chea de matices tanto sobre a súa psique, as súas emocións, relación con outros personaxes…

  • Lugar: espazo no que transcorre a acción.
  • Tempo: sucesión cronolóxica dos feitos. Nunha novela temos dous tempos:

–  O do relatado: é o tempo da historia narrada (anos, días, horas…) no que se realiza a transformación do personaxe, nunha época concreta (Idade Media, século XIX…).

–  O do discurso: é a organización narrativa da cronoloxía dos sucesos. Cando o tempo do discurso segue a mesma dirección que o tempo do relatado, o discurso é lineal.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License