2.10 A creación dun texto
Actividades propostas
S9. A continuación, cree un texto sobre un tema que lle interese, por exemplo, sobre un equipo de fútbol, unha viaxe que fixera ao estranxeiro, un deporte que practique adoito, ou como é o traballo que realiza a diario, etc.
- Cando saiba exactamente o tema sobre o que quere escribir, colla unha folla e anote nela o nome do tema. Debaixo del escriba as ideas relacionadas con ese tema do que vai falar, sen orde específica ningunha.
- Agora, intente darlle unha orde a esas ideas que anotou e que gardan relación co tema (enuméreas, por exemplo).
Para que o entenda mellor: poña por caso que quere escribir sobre un deporte coma o fútbol e que vai tocar os seguintes aspectos del (o terreo de xogo, os xogadores, os equipos, os árbitros, etc.) Para que o texto teña sentido e se entenda adecuadamente deberá conectar todos eses aspectos dunha forma ordenada e ben estruturada: se empeza escribindo sobre o terreo de xogo, terá que dicir como é, as dimensións, e a continuación pode pasar a escribir sobre o significado que teñen as liñas brancas que hai nel, para que serven, etc.
- Como xa ten todo organizado, é hora de que faga unha primeira redacción. Non se deteña moito nela; xa fará iso máis tarde. A extensión será unha cara dun folio como máximo.
- Revise a redacción que acaba de facer: a ortografía (puntos, comas, dous puntos…), os acentos, se as ideas están ben conectadas, se o texto se entende ben, etc. Corrixa todo o que crea necesario na mesma folla sobre a que fixo a primeira redacción.
- Agora que o texto adquiriu unha forma definitiva escríbao nun procesador de textos e imprímao.
Todos os pasos que acaba de dar forman parte dunha das moitas formas que hai para elaborar un texto lóxico e coherente. Máis adiante, en unidades posteriores, veremos outras posibilidades
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License