2.6 O preservativo, a RU486
O preservativo feminino
É unha funda de poliuretano (un material máis resistente e, xa que logo, máis difícil de romper có látex) con dous aneis: un interno e pechado que serve para fixalo no interior da vaxina, e un externo que cobre os labios vaxinais. Igual que o condón masculino, só se pode utilizar unha vez.
Un dos seus inconvenientes é que resulta catro ou cinco veces máis caro có preservativo masculino.
A pílula do día despois
Trátase dun anticonceptivo oral de emerxencia que só hai que utilizar en situacións excepcionais, e nunca como método anticonceptivo regular. Adminístrase en dúas doses, cun intervalo de 12 horas entre a primeira e a segunda. A primeira hai que tomala canto antes mellor; con cada hora de retraso diminúe a eficacia e, pasadas 72 horas dende o momento do coito, xa non ten ningunha eficacia. Pode provocar efectos secundarios: náuseas, fatiga e dor de ventre.
A RU486 ou pílula abortiva
Como o seu nome indica, provoca un aborto. Actúa sobre embrións de poucos días de vida. Pódese tomar ata 49 días despois da última falta e está contraindicada para mozas fumadoras. Este sistema funciona aproximadamente no 95 % dos casos, no resto falla e hai que pasar polo quirófano para completar o aborto.
En España adminístrase nalgúns hospitais (hai unha lei que limita o número de centros que a poden administrar, en función dos seus equipamentos) e en clínicas privadas, aínda que nestas o tratamento adoita ser caro, similar ou mesmo superior ao dun aborto convencional.
Martín, Andreu e Ribera, Jaume, O diario vermello de Flanagan, tradución de Silvia Gaspar. Galaxia, Vigo, 2006
Actividade proposta (textos 2.5 e 2.6)
S6. Escriba, en poucas palabras, cal é o tema de cada texto.
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License