Maquinando
O plano inclinado será o protagonista na terceira práctica. Seguiremos os pasos do método científico, como nas prácticas anteriores. Tedes a opción de descargar a seguinte ficha en formato PDF (abre unha xanela nova) para ir seguindo o proceso de aprendizaxe ou en formato editable.
Preme nos títulos para descubrir a tarefa.
1º Observación
Moitas das máquinas que usamos todos os días están fabricadas tendo como base un plano inclinado. Unha rampla para a subida e baixada de obxectos, unha rampla para persoas en cadeira de rodas, un coitelo, unhas escaleiras, un tobogán... Son máquinas formadas por un plano inclinado. Prestade atención a estas imaxes e identificade que máquina simple observades.





Observade a vosa aula, o voso patio de recreo, os vosos xoguetes ou aparellos que utilicedes nas vosas casas, etc.
Podemos facer unha posta en común na clase para ver cantos aparellos formados por planos inclinados descubrimos!
2º Formulación de preguntas
Agora fixádevos nas imaxes anteriores e procurade pensar nas respostas a estas preguntas.
Para que serven estes obxectos?
Credes que se non facemos uso do plano inclinado.... Poderiamos subir ou baixar a lugares máis elevados?
Que é un plano inclinado?
Para que nos serven?
3º Hipótese
Imos facer un estudo científico usando o plano inclinado. Neste caso construiremos unha rampla, que é un plano inclinado que nos serve para desprazar obxectos para subir ou baixar a un lugar que está a outra altura.
Nesta práctica imos comprobar a seguinte hipótese: un obxecto pode ser elevado a outra altura con menor esforzo usando un plano inclinado. Pero canto máis inclinada é a rampla, máis esforzo haberá que facer.
4º Experimentación
Seguindo o seguinte vídeo, construiredes dúas ramplas, para subir un coche por elas e facer as comprobacións.
Probade a utilizar a vosa rampla con outros obxectos ou a facer outras ramplas máis inclinadas.
5º Análise de datos
Crees que a rampla facilitou a subida do coche?
Poderías subir a coche sen utilizar un plano inclinado?
Que sucede cando a rampla é máis inclinada?
Para rematar, xogamos coas nosas ramplas subindo e baixando obxectos a diferentes lugares.
Lectura facilitada
A nosa terceira práctica será construír un plano inclinado.
Seguiredes os pasos do método científico.
1. Observación
Moitas das máquinas que empregades a diario están fabricadas tendo como base un plano inclinado (unhas escaleiras, unha rampla...)
Observade as imaxes dadas e identificade algunha máquina simple.
Pensade noutras máquinas que empreguen planos inclinados.
Facede unha posta en común con todos os obxectos formados por planos inclinados.
2. Formulación de preguntas
Fixándovos nas imaxes anteriores respondede ás seguintes preguntas:
Para que serven estes obxectos?
Cres que se non facedes uso do plano inclinado poderiades subir e baixar a lugares elevados?
Que é un plano inclinado?
Para que nos serven?
3. Hipótese
Ides facer un estudo científico e construír unha rampla.
Unha rampla é un plano inclinado que nos serve para desprazar obxectos, para subir ou baixar a un lugar que está a outra altura.
Con esta práctica comprobaredes a seguinte hipótese:
"Un obxecto pode ser elevado a outra altura con menor esforzo usando un plano inclinado.
Canto máis inclinada é a rampla, máis esforzo haberá que facer.".
4. Experimentación
Observade o vídeo e seguide os pasos para construír dúas ramplas, para subir un coche.
Probade as ramplas con outros obxectos ou máis inclinadas.
5. Análise e datos
Poderiades subir ao coche sen utilizar un plano inclinado?
Que sucede cando a rampla é máis inclinada?
Xogade coas ramplas subindo e baixando obxectos a diferentes lugares.




