Saltar navegación

3.4. Relacións entre os seres vivos dun ecosistema

Relacións dentro da mesma especie

Grupos familiares

É a relación que existe por parentesco.

Un exemplo sería a relación entre os grupos familiares de aves. Nestes grupos cooperan para alimentar ás crías, e protéxenos fronte os depredadores.

Fotografía dunha familia de gansos

Asociacións

Trátase de relacións temporais entre animais da mesma especie, que se agrupan por un obxectivo común, que pode ser defenderse, viaxar ou alimentarse.

Un exemplo deste tipo de relación podemos observalo en bandadas de paxaros ou bancos de peixes.

Fotografía dunha bandada de patos voando

Sociedades

Trátase de grupos nos que hai distinta repartición de funcións dentro dos mesmos.

Como exemplo poderiamos falar das abellas ou das formigas.

Fotografía de abellas traballando nun panal

Fotografía de varias formigas traballando

Relacións entre distintas especies

Mutualismo

Dáse cando os seres que se relacionan se benefician mutuamente de dita relación. Un exemplo serían as abellas e as flores. As abellas aprovéitanse do néctar das flores para alimentarse, e ao mesmo tempo as abellas axudan ás flores a polinizar, e así facilitan a súa reprodución.

Fotografía dunha abella nunha flor

Comensalismo

Unha especie benefíciase, mentres a outra nin se beneficia nin se prexudica.

Por exemplo, as aves que fan niños nas árbores benefícianse, e ás árbores non as beneficia nin prexudica.

Fotografías de aves e os seus niños nas árbores

Parasitismo

Unha especie obtén un beneficio doutra que sae prexudicada.

Por exemplo as pulgas nos  cans e nos gatos. As pulgas aliméntanse do sangue que lles extraen cando os pican, pero aos cans e aos gatos esas picaduras prodúcenlles proído.

Imaxe dun gato rascándose

Competencia

Dáse cando dúas ou máis especies precisan o mesmo recurso (alimento, luz...)

Por exemplo, na selva as árbores compiten por alcanzar a luz e non ser tapadas por outras árbores.

Nesta relación resultan todos prexudicados, aínda que uns máis ca outros.

Fotografía de árbores moi altas en busca de luz

Esquema

Esquema relacións entre animais da mesma especie e entre distintas especies

Precisas axuda para entender o esquema?

Neste esquema podes ver como as relacións entre os animais se poden clasificar en dous grandes grupos en función das especies que se relacionen en cada caso.

Así temos, por unha banda, as relacións que se dan dentro da mesma especie, que serían os grupos familiares, as asociacións e as sociedades.

Por outra banda estarían as relacións entre membros de distintas especies. Aquí falariamos do mutualismo, comensalismo, parasitismo e a competencia.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)