2.4.1 Condución, convección e radiación
Condución
Se quentamos o extremo dunha variña metálica (aluminio, cobre, ferro...) ao pouco nótase calor na man con que se terma da vara no extremo oposto. A calor transmitiuse ao longo do metal por condución. Nesta transmisión da calor as primeiras partículas da variña que reciben calor adquiren maior mobilidade que transmiten ás que están máis próximas, de xeito que a calor acaba propagándose por toda a variña.
A calor transmítese por condución a través das substancias sólidas. Os metais son os que teñen máis capacidade para transmitir a calor por condución. Nesta forma de transmisión de calor non hai traslado de materia.
![]() |
|
|
Antes de quecer |
Logo dun tempo quecendo |
As substancias malas condutoras da calor chámanse illantes térmicos, dificultan o paso da calor a través delas. Unha zona da variña de vidro pode estar moi quente e outra, mesmo bastante próxima, pode estar fría.
Convección
Se quentamos auga nunha pota, a auga da parte inferior é a primeira en quecer, de xeito que se dilata e sobe, ocupando o seu lugar a auga máis fría que estaba na superficie do cazo.
Este movemento do líquido producido pola absorción de calor chámase corrente de convección.
A calor transmítese por convección nos líquidos e nos gases. Nesta forma de transmisión da calor hai transporte de materia, a diferenza da condución, na que non hai traslado de materia.
|
Así quece a auga nunha pota A auga que recibe directamente a calor sobe pola zona central da pota, e a fría pasa a ocupar o seu lugar, formándose correntes de convección que acaban quentando toda a auga da pota; pode ver as correntes en movemento na páxina web: |
![]() |
|
|
|
Na atmosfera tamén hai correntes de convección térmicas: preto do ecuador terrestre o chan quece moito polos raios do sol; o aire próximo ao chan quéntase e ascende, formándose así correntes de convección que transportan a calor do ecuador cara aos trópicos. |
Algo semellante ocorre nos radiadores de calefacción. O aire en contacto con el quece e sobe cara ao teito, poñéndose en circulación unha corrente convectiva que leva calor a todo o cuarto. Non debemos obstaculizar esta corrente con mobles ou teas que tapen o radiador, xa que diminúen a súa eficacia. |
|
No seguinte enderezo web pode atopar unha explicación en Wikipedia de como se producen as brisas mariñas na costa:
|
![]() |
Radiación
Todos os corpos, polo simple feito de teren temperatura, emiten calor en forma de ondas chamadas ondas electromagnéticas. A cantidade de enerxía emitida por un corpo é maior canto maior sexa a súa temperatura. O Sol emite moita enerxía en forma de ondas electromagnéticas porque está a moita temperatura (a superficie a 5.000 kelvins aproximadamente). En xeral, os corpos quentes emiten enerxía así. A esta forma de transmisión de calor entre corpos a distinta temperatura chámaselle radiación.
As ondas infravermellas transportan calor. Os nosos ollos non as ven, pero a nosa pel si que as nota: cando vostede achega as mans a un corpo quente, nota a calor. En realidade o que nota son as ondas infravermellas que chegan á súa pel.
Un radiador de calefacción transmite calor tanto por convección do aire como por radiación, de aí o seu nome
A propagación da calor por radiación emítena os corpos polo feito de teren temperatura. Non precisa ningún medio material nin transmisión de materia para realizarse. Así, por exemplo, a radiación solar chega á terra a través do baleiro.
![]() |
Actividades propostas
S15. Se pon ao lume dúas variñas, unha de metal e outra de vidro, ha notar a calor no outro extremo das dúas variñas? Conducen igual de ben a calor?
S16. Por que nos sólidos non hai transmisión de calor por convección? E nos gases?
S17. Cal é a forma de transmisión da calor máis importante en cada un dos casos?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0



