2.2 Calor e temperatura
A temperatura é un indicador da cantidade de calor dun corpo e da mobilidade que teñen as súas partículas.
Todos os corpos (sólidos, líquidos e gases) están formados por partículas pequenísimas (non se ven nin con microscopios) chamadas átomos e moléculas. Hoxe sabemos que todas as moléculas dos corpos, sexan líquidos, sólidos ou gases, están sempre en movemento. As moléculas que forman un gas, o aire por exemplo, están separadas unhas das outras, e móvense en todas as direccións; nos sólidos, os átomos e as moléculas non se poden trasladar dun lado a outro, o único movemento que poden ter é vibrar ao redor da súa posición fixa.
Non podemos saber a velocidade de cada molécula (son demasiadas), pero si que podemos saber a velocidade mediado conxunto de moléculas. Hai un aparello que mide esta velocidade media: o termómetro! E isto é así porque a temperatura é unha medida da velocidade media das moléculas. Como dato, nun día de verán a 30 ºC as moléculas do aire móvense cunha velocidade de 627 m/s, e nun día de inverno a 5 ºC a velocidade é 601 m/s. Xa ve que canto maior sexa a velocidade media das moléculas maior ha ser a temperatura.
Calor e temperatura, como vimos, son conceptos distintos. A calor é a enerxía intercambiada entre dous corpos que están a distinta temperatura. É dicir, a calor ou enerxía térmica/calorífica transfírese do corpo que está a maior temperatura ao que está a menor temperatura.
Temperatura é a magnitude física que mide a cantidade de calor ou enerxía térmica que ten un corpo.
Os nosos sentidos fan que poidamos saber se un corpo está máis ou menos quente que outro, pero non podemos determinar o valor numérico da súa temperatura. Os aparellos destinados a medir a temperatura chámanse termómetros.
Actividade proposta
S7. O corpo humano está formado por células, e estas por moléculas. Cando temos febre, as moléculas do noso corpo móvense máis axiña que cando estamos sans?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0