2.1 A Calor
A cantidade total de enerxía no universo é sempre a mesma. Así que se un corpo aumenta a súa enerxía outro ten que perder unha cantidade igual de enerxía. Hai dúas formas básicas de transferir enerxía dun corpo a outro: mediante traballo e mediante calor.
Nesta unidade didáctica veremos o xeito de transferir enerxía mediante calor. Podemos dicir que a calor é unha forma de enerxía que se transfire dun corpo quente a un corpo frío.
Cando pomos en contacto un corpo quente (que ten temperatura elevada) cun frío (que ten temperatura baixa), sabemos que o quente arrefría e o frío quece ata quedaren os dous coa mesma temperatura, intermedia entre a fría e a quente iniciais.
|
Daquela, se metemos un vaso con auga a 80ºC noutro vaso máis grande con auga a 20ºC, ao final a temperatura da auga nos dous vasos acabará sendo a mesma, maior que 20ºC e menor que 80ºC. Que ocorreu neste proceso exactamente? Pois que pasou calor da auga quente a auga fría. |
![]() |
É de sinalar que a calor fai referencia a un tipo de enerxía, que se cede dun corpo a outro como consecuencia da súa diferenza de temperaturas. Esta enerxía, ou calor, chámase tamén enerxía térmica ou calorífica. Daquela, non é correcto dicir que un corpo ten calor; o correcto sería dicir que un corpo ten enerxía que pode transferir en forma de calor.
Logo, a calor é a enerxía que pasa dun corpo a outro cando están a distintas temperaturas. A calor pasa espontaneamente desde o corpo de temperatura alta (o quente) ao de temperatura baixa (o frío). Cando os dous corpos están finalmente á mesma temperatura deixa de pasar calor dun ao outro e dicimos que están en equilibrio térmico.
Unidades de medida
A calor mídese en joules (J) no sistema internacional de unidades, igual que a enerxía. Antigamente medíase en calorías (cal); a equivalencia é a seguinte
1 cal = 4.18 J ↔ 1 kcal = 4.18 kJ
Actividades propostas
S1. Que é a calor?
S2. Cando dicimos que dous corpos están en equilibrio térmico?
S3. Por que non é correcto dicir que un corpo ten calor? Pódese almacenar a calor?
S4. Cantas calorías son 350 joules? Cantos KJ son 1.500 Kcal?
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0
