Saltar navegación

2.3.4 Calor latente de cambio de estado

Calor latente de cambio de estado é a cantidade de calor que ten que absorber 1 kg dunha substancia para cambiar de estado de agregación.

Por exemplo, para fundir 1 kg de xeo a 0ºC e pasalo a auga líquida a 0ºC (lembre que durante a fusión a temperatura non cambia) hai que lle dar ao xeo 334 kJ de calor; así que a calor de fusión do xeo é de 334 kJ/kg [lembre que 1 kJ = 1000 J].

De xeito análogo, a calor latente de vaporización (ou ebulición) é a cantidade de calor que cómpre darlle a 1 kg dun líquido para o transformar completamente en vapor. No caso da auga, a calor de vaporización é de 2 257 kJ/kg.

 

Táboa de calores latentes (kJ/kg)

Substancia

Calor latente de fusión

Calor latente de vaporización

Auga

334,4

2.257

Alcohol

108,9

840

Octano (gasolina)

180,8

299

Ferro

275

6.332

Aluminio

395

10.519

 

i

Cando o cambio de estado se produce no sentido vapor → líquido → sólido, a substancia libera calor en vez de absorbela. Así, cando 1 kg de vapor de auga condensa a líquido, desprende 2.257 kJ de calor; é dicir, desprende a calor latente de vaporización.

 

Actividades propostas

S12.            Observamos que para fundir 4 kg de estaño temos que quentalo con 244 kJ de calor. Cal é a calor latente de fusión do estaño?

S13.            Queremos vaporizar 800 gramos de alcohol (calor latente de vaporización 840 kJ/kg). Canta calor temos que lle subministrar ao alcohol para o vaporizar?

S14.            Oito quilogramos de auga líquida conxelan. Canta calor desprenden?

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0