1.1 Descrición da unidade didáctica
Nas dúas unidades didácticas anteriores estudamos as formas da enerxía. A enerxía total consérvase, pero pode pasar duns corpos a outros. Como? Nesta unidade veremos un dos mecanismos: a calor. Máis adiante, no módulo 4, estudaremos outro: o traballo.
Esta unidade céntrase no estudo da calor como forma de transferencia de enerxía térmica entre corpos que se encontran a distinta temperatura, así como os seus efectos, en especial os cambios de estado de agregación, e os efectos da calor sobre os seres vivos e as adaptacións destes aos cambios de temperatura.
Iníciase tamén o estudo da linguaxe alxébrica e o seu emprego na formulación de problemas, introducindo os conceptos e operacións aritméticas para realizar con monomios e polinomios.
Nesta unidade preténdese que o alumno consolide o concepto de “expresión alxébrica” e que o relacione coas fórmulas, sendo quen de calcular o valor numérico dunha expresión alxébrica. Tamén, dentro do proceso de abstracción que supón o estudo da álxebra, é fundamental que o alumno sexa capaz de traducir enunciados da linguaxe ordinaria á alxébrica e viceversa, como paso previo á resolución de problemas.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0