Son as clases nas que practicas os pases e lanzamentos co teu equipo.
Exemplo:
No adestramento de hoxe, traballamos os lanzamentos á portería.
Días de partido
Definición:
Son as clases nas que se xogan os partidos da competición.
Exemplo:
O último partido da liga estivo moi igualado.
Organización das clases de E.F.
Despois da nosa pretempada, chega o momento da competición. Pero lembra que a nosa vai ser un pouco diferente, máis centrada na cooperación do equipo que no resultado dos partidos.
Xogaremos ao floorball e ao balonmán, tentando conseguir unha experiencia o máis real posible, dentro das clases de Educación Física. Primeiro xogaremos a un e despois ao outro.
Alternaremos os días de adestramento cos días de partido. É dicir, unha clase de E.F. será de adestramento co teu equipo e a outra será de competición.
En total 6 días de adestramento e outros 6 de competición, 3 para cada deporte.
Os días de adestramento, cada equipo terá unha zona da pista, previamente marcada, para facelo. E o capitán, dirixirá ao seu grupo nesa zona de xeito autónomo, sen a mestra/e. Lembra que sodes un equipo de verdade!
Os días de competición, o equipo que non xoga vai ser o encargado da organización do partido. É dicir, terá que cubrir a acta do partido, arbitrar, colocar o campo, recoller o material... E, claro.... facer de público, animando e desfrutando do encontro.
O equipo que consiga máis puntos despois de todos os partidos, gañará a nosa liga cooperativa.
Lectura facilitada
Chega o momento da competición.
Lembra que a nosa vai ser centrada na cooperación do equipo, non no resultado dos partidos.
Xogaremos ao floorball e ao balonmán, nas clases de Educación Física.
Primeiro xogaremos a un e despois ao outro.
Unha clase de E.F. será de adestramento co teu equipo e a outra será de competición.
Terás 3 clases de adestramento de floorball, 3 clases con partidos de floorball.
E 3 clases de adestramento de balonmán, 3 clases con partidos de balonmán.
O equipo que consiga máis puntos, en total, gañará a nosa liga cooperativa.
Haberá 3 equipos.
Serán mixtos e equilibrados.
Terán mesmo número de xogadores.
Audio
Os equipos
A mestra/e elixirá 3 PERSOAS CAPITÁS, que liderarán os 3 equipos que vai haber. Elas van ser as encargadas de formar equipos mixtos e equilibrados, polo que terán que chegar a acordos para facelos.
Ademais de representar ao seu equipo en todo momento, faranse cargo da súa organización interna, repartindo os diferentes roles que cada membro vai ter dentro do equipo.
Cada capitá co seu grupo terá que cubrir a FICHA DO EQUIPO. Nela reflectirán os símbolos que os representan, como a bandeira, a bandeirola de agasallo, o equipamento... e tamén a repartición de roles dentro do grupo, como quen vai ser árbitro, ou encargado de material, ou xornalista, ou anotadora do día.
Ademais de ser xogador/a, vas ter que cumprir cos outros roles que hai dentro dun equipo nunha competición de verdade. Cales son?
Adestrador/a
Anotador/a
Encargado/a do material
Árbitro
Xornalista
Adestrador/a do equipo
A persoa capitá vai ser a encargada de dirixir os adestramentos.
Anotador/a
Os adestramentos van ter que poñerse por escrito, como se fai na realidade e, cada día, un de vós, vai escribir, nunha folla, cales son os obxectivos do adestramento para ese día, os xogos ou actividades que ides facer, que conseguistes e que tendes que seguir traballando.
E tamén, o día que non lle toque xogar ao teu equipo, encargarase de cubrir a acta do partido.
Encargado/a do material
Para poder facer o adestramento, calquera material que precisedes (balóns, conos, petos...) poderedes utilizalo. Pero só o encargado do material do día poderá collelo e despois terá que gardalo no seu sitio.
Árbitros
Cada equipo terá que nomear 2 persoas que fagan de árbitros nos adestramentos do equipo e, tamén, no partido que non vos toque competir.
Xornalista
Como o noso reto ten que ver cunha nova noticia, vas ter que practicar un pouco. Cada día de adestramento e cada día de partido, unha persoa do equipo, vai ter que facer unha pequena noticia sobre o que aconteceu ese día.
INFORMACIÓN IMPORTANTE:
A persoa capitá non fai ningún outro rol porque é a que organiza a todo o equipo, e ademais, dirixe o adestramento.
O rol de árbitra tampouco fai ningún outro rol. Agás que despois dos 3 partidos dun deporte deixe de ser árbitra para que sexa outra compañeira/o.
Os roles das persoas anotadoras, xornalistas e encargadas do material van rotando ao longo da liga. Deste xeito, todos os membros do equipo cooperan cos capitáns no funcionamento do equipo e na organización da competición.
Lectura facilitada
1 CAPITÁ/AN: dirixe ao equipo.
XOGADORAS/ES: todas as persoas do equipo.
1 ADESTRADOR/A: a persoa capitá dirixirá os adestramentos.
1 ANOTADOR/A: cada día, un de vós, vai escribir o voso adestramento. E tamén, cubrirá a acta do partido que non xogades.
1 ENCARGADA/O DE MATERIAL: cada día será unha persoa. Encargarase de coller e recoller o material.
2 ÁRBITROS: cada equipo terá dous.
1 XORNALISTA: cada día unha persoa, terá que facer unha pequena nova.