Saltar navegación

1.1. Conflito ou oportunidade?

Son os deportes unha fonte de conflito?

Como podes ver nesta noticia, existe profesorado que quere prohibir o deporte nos recreos porque considera que é unha fonte de conflitos entre o alumnado. É certo que o deporte ou a competición, en ocasións, poden facer saír comportamentos que non son adecuados para a convivencia, como por exemplo: as pelexas, discusións, insultos, trampas... Mais a solución non está en prohibir, senón en aprender a competir.

Para participar correctamente nunha competición deportiva, fai falta moito máis que destreza física. Os valores, o compañeirismo, o sentimento de equipo, respectar as normas ou a cooperación son os aspectos máis importantes e que ás veces quedan esquecidos. Nas seguintes sesións traballaremos en conxunto para conseguir aprender a competir dun xeito que nos permita poder xogar sen conflitos!

Lectura facilitada

Noticia: un grupo de profesores e profesoras prohibe o deporte nos recreos. 

O grupo de profesores cren que o deporte provoca conflitos. 

O deporte pode provocar pelexas, insultos ou trampas en ocasións. 

A solución non é prohibir o deporte.

A solución é aprender a competir.

Para competir non chega con ter boas capacidades físicas.

Para competir hai que amosar compañeirismo, respectar as normas e cooperar.

Nos próximos días aprenderemos a competir para xogar sen conflitos. 

Transcrición entrevista

Non puideches escoitar a entrevista? Podes ler o texto que transcribe o que se contou na mesma a continuación:

Todos e todas nós lembramos algunha discusión no patio debida a unha falta non sinalada, un gol dubidoso, unha trampa mal feita ou unha pelexa por un saque de banda. Isto acabou grazas ao APS. Dende A Gaceta Educativa, tivemos o pracer de entrevistar á súa presidenta, quen nos aclarou o porqué destas medidas:

Xornalista: Como descubristes dende a vosa agrupación que o problema nos recreos era o deporte?

Presidenta: Foi moi doado. Fixemos un estudo no que o alumnado non se podía mover en todo o recreo, e non discutiron nin unha soa vez. E claro, isto levounos á única conclusión posible: o deporte no recreo non é bo.

Xornalista: A vosa solución de eliminar o deporte no recreo é unha medida permanente?

Presidenta: Existiría a remota posibilidade de que o alumnado demostrase que sabe competir amosando valores, respecto, compromiso e deportividade. Se a alguén se lle ocorre a forma de facelo posible, debería poñerse en contacto coa nosa agrupación. Seguramente os medios de comunicación faríanse eco desta boa nova.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)