Saltar navegación

3.3. Conexións naturais

Función de relación

As plantas, como todos os seres vivos, relaciónanse co ecosistema no que viven e responden a distintos estímulos como a luz, a temperatura, a humidade... É a súa forma de comunicarse e conectar co mundo que as rodea. Esta función axúdalles a medrar, sobrevivir e adaptarse ao seu entorno.

Por iso, se queremos que o noso horto sexa saudable e produtivo, á hora de deseñalo, deberemos ter en conta como se comunicarán e influirán as plantas entre si. Por exemplo:

  • Algunhas plantas poden atraer polinizadores, que son insectos ou animais que axudan ás plantas a reproducirse, como as abellas, ou a repeler pragas, que son animais ou insectos que comen as plantas e poden danalas, como os caracois. Isto beneficia a outras plantas no horto.
  • As plantas necesitan diferentes cantidades de luz e a súa disposición no horto debe ter en conta como se relacionan coa luz solar para mellorar o seu crecemento.
  • As plantas tamén responden á humidade do chan. Un bo deseño do horto pode axudar a xestionar o rego de xeito que todas as plantas reciban a cantidade adecuada de auga.

Planta nun testo situada cerca dunha ventá ao sol

Lectura facilitada

As plantas relaciónanse co ecosistema no que viven e responden á luz,

á temperatura, á humidade.

Para deseñar o horto debes ter en conta como se relacionarán as plantas entre si.

Por exemplo:

  • Algunhas plantas poden atraer polinizadores, que son animais ou insectos
    que axudan ás plantas a reproducirse, como as abellas.
  • Outras poden repeler pragas, que son animais ou insectos
    que comen as plantas e poden danalas, como o caracol.
  • Todas as plantas necesitan diferentes cantidades de luz. 
  • As plantas responden á humidade do chan. 

Para saber máis


Resumindo

As plantas realizan dous tipos de movementos ante os estímulos externos:

Tropismos

Son movementos permanentes. Por exemplo:

Planta nun testo preto dunha ventá ao solAs ramas e as follas medran cara a luz.

Planta con raíces buscando augaAs raíces medran onde hai auga.

Pictograma de planta rubideiraAlgunhas plantas enróscanse ao tocar unha superficie sólida.

Nastias

Son movementos temporais. Por exemplo:

Pictograma de planta coas flores pechadasFlores que se abren cando amence e se pechan cando anoitece.

Pictograma de xirasolFlores que se xiran seguindo ao sol.

Planta carnívora con dentes e linguaPlantas carnívoras que pechan as follas para capturar os insectos.

Experimentamos

Imos realizar catro experimentos para comprobar a función de relación das plantas. Ademais, servirán para reflexionar sobre cal pode ser a mellor localización do noso horto, para que as nosas hortalizas medren da maneira máis rápida e eficiente posible.

Descobre que experimento ten que realizar o teu equipo. Utiliza para isto as tarxetas de formación de equipos ou un xogo de botar a sorte. Non vos esquezades de cubrir o informe do experimento.

Buscando a luz (fototropismo)

Materiais: maceta cunha planta nova (por exemplo lentellas ou fabas xerminadas), unha caixa de cartón, tesoiras ou cortador e unha lámpada ou luz natural.


Caixa de cartón, planta nova, flexo, tesoiras e cúter

Procedemento:

  • Fai un burato pequeno nun dos lados da caixa.
  • Coloca a maceta dentro da caixa, asegurándote de que só reciba luz a través do burato.
  • Déixaa nun lugar iluminado durante varios días e observa o que sucede.

Resultado: En que sentido medraron os talos?

Medrando cara arriba e cara abaixo (xeotropismo)

Materiais: terra, dúas ou tres lentellas ou fabas, auga e dous recipientes transparentes (serven botellas de plástico cortadas pola metade).

Terra, fabas, lentellas, dous recipientes transparentes e auga.Procedemento:

  • Cun punzón fai varios buratos no fondo de cada recipiente. 
  • Coloca un dos recipientes sobre un prato fondo cheo de auga e o outro sobre un prato fondo cun anaco de papel absorbente por riba.
    Sitúa ambos recipientes nun lugar onde reciban luz solar directa e observa diariamente o crecemento das plantas durante unha semana ou dúas. Anota calquera cambio que vexas na dirección do crecemento das raíces.
  • Bota terra nos dous recipientes e introduce dúas ou tres sementes en cada un a unha profundidade axeitada (aproximadamente 2 cm). Cobre con terra.
  • Humedece lixeiramente con auga. Non empapes a terra.
  • Coloca un dos recipientes en vertical e o outro en horizontal e observa diariamente o crecemento das plantas durante unha semana ou dúas.

Resultado: Cara onde medran os talos? E as raíces?

O camiño ata a auga (hidrotropismo)

Materiais: un punzón, dúas ou tres lentellas ou fabas, auga, dous recipientes transparentes (serven botellas de plástico cortadas pola metade), papel absorbente (opcional), dous pratos fondos ou bandexas para recoller a auga e terra para macetas.

Punzón, lentellas, fabas, dous pratos fondos, dous recipientes transparentes, terra, auga, papel absorbente

Procedemento:

  • Cun punzón fai varios buratos no fondo de cada recipiente. Bota terra neles e introduce dúas ou tres sementes en cada un a unha profundidade axeitada (aproximadamente 2 cm). Cobre con terra.
  • Humedece lixeiramente con auga. Non empapes a terra.
  • Coloca un dos recipientes sobre un prato fondo cheo de auga e o outro sobre un prato fondo cun anaco de papel absorbente por riba.
  • Sitúa ambos recipientes nun lugar onde reciban luz solar directa e observa diariamente o crecemento das plantas durante unha semana ou dúas. Anota calquera cambio que vexas na dirección do crecemento das raíces.

Resultados: que sucedeu coas raíces en cada recipiente?

Resposta a distintos tipos de chan (quimioresposta)

Materiais: dous recipientes transparentes (serven botellas de plástico cortadas pola metade), sementes (fabas ou lentellas), auga e solución salina (auga con sal). 

Dous recipientes transparentes, lentellas, fabas, auga e solución salina  Procedemento: 

  • Planta sementes nas dúas macetas.
  • Rega unha maceta con auga normal e a outra con solución salina.
  • Observa como medran as raíces durante unha semana.

Resultados:  en que maceta medrarán mellor as raíces?

Reflexiona e debate

Despois de realizar os experimentos imos dedicar uns minutiños a reflexionar e debater sobre os resultados obtidos e como isto afecta ao deseño e planificación do noso horto.

Necesitas axuda?

Conclusións dos experimentos relacionadas co noso horto:

  • Buscando a luz (fototropismo): as plantas necesitan luz para medrar adecuadamente, por iso o noso horto debe estar situado nun lugar onde haxa moita luz solar durante todo o día.
  • Medrando cara arriba e cara abaixo (xeotropismo): á hora de plantar no noso horto, debes colocar as sementes á profundidade adecuada e na posición correcta.
  • O camiño ata a auga (hidrotropismo): ao planificar o noso horto, debemos deseñar sistemas de rego eficientes para asegurar que a auga chegue a onde máis se necesite. Ademais, debemos regar de xeito uniforme para que as raíces poidan medrar de maneira máis equilibrada.
  • Resposta a distintos tipos de solo (quimioresposta): o noso horto debe estar situado sobre un solo que teña os nutrientes necesarios e as condicións químicas máis favorables para o crecemento das plantas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)