Saltar navegación

Fotosíntese

Fase 2: Fotosíntese

Xa nas follas, o zume bruto se mestura co dióxido de carbono e a enerxía solar que captan as follas a través da clorofila, que é unha substancia de cor verde que lle dá ás plantas a súa cor característica. Esta mestura forma o zume elaborado, que é o alimento da planta. Durante este proceso chamado fotosíntese, despréndese osíxeno.  

Folla ao sol na que entra dióxido de carbono , luz solar e zume bruto e sae osíxeno e zume elaborado

A fotosíntese é un proceso moi importante porque:

  • Proporciona enerxía ás plantas permitindo que medren, formen flores, froitos e raíces.
  • Mantén a  vida na Terra, xa que, grazas a ela, as plantas producen o osíxeno que todos necesitamos para vivir.

Lectura facilitada

Nas follas, o zume bruto mestúrase co dióxido de carbono do aire e a luz do sol.

As follas captan a luz do sol a través da clorofila.

A clorofila é unha substancia de cor verde que lle dá a súa cor ás plantas.

A mestura do zume bruto, o dióxido de carbono e a luz do sol chámase zume elaborado.

O zume elaborado é o alimento da plantas.

Este proceso chámase fotosíntese.

Na fotosíntese despréndese osíxeno.

Folla ao sol na que entra dióxido de carbono , luz solar e zume bruto e sae osíxeno e zume elaborado

A fotosíntese é moi importante.

Proporciónalle enerxía ás plantas.

Permite a vida na Terra porque producen osíxeno.

Por que son verdes as plantas?

Para entender un pouco mellor a fotosíntese, imos realizar un sinxelo experimento co que descubriremos as distintas substancias que hai dentro dunha folla e como separalas. 

 Experimento: "Extraer a clorofila dunha planta"

Materiais: papel de filtro de cafeteira, funil (opcional), dous recipientes, un pauciño longo ou un lapis, tesoiras, alcol ou acetona, follas de cor verde, como espinacas, e unha culler (opcional).

Procedemento:

Paso 1

Recortamos e picamos as follas en anacos pequenos e botámolos nun vaso. Machucámolos co paíño ou cunha culler.

Mans cortando nun vaso unha folla con tesouras

Machucando as follas cunha culler

Paso 2

Engadimos acetona ou alcol ata cubrir os anaquiños da folla e seguimos removendo e machucando un pouco máis ata que apareza unha cor verde intensa.

Botando alcol sobre as follas cortadas en anacos

Paso 3

Coamos a mestura cun funil (opcional) e un filtro de café e pasámola a outro recipiente limpo.

Coando a mestura cun filtro de café noutro recipiente limpo

Paso 4

Cortamos unha tira longa de papel de filtro e recortamos o extremo en punta.

Cortando unha tira de papel de filtro cun extremo en punta

Paso 5

Enrolamos a tira de papel de filtro no pauciño ou nun lapis e colocámola en posición vertical (apoiando no vaso), de forma que só quede o extremo en punta en contacto coa mestura.

Enrolando o papel de filtro arredor do pau

Paso 6

Deixámolo nesa posición sen tocarlle ata que o líquido suba á parte de arriba. Esperamos unhas horas ou ata o día seguinte.

Pau coa tira enriba apoiado nun vaso con líquido verde

Paso 7

Retiramos o papel e deixámolo secar para que se vexan mellor as cores.

Tira de papel con cores que van dende o amarelo ata o verde escuro

Resultados: no papel vemos que aparecen diferentes cores. Isto ocorre porque o papel de filtro axuda a separar as cores da mestura con alcol (ou acetona), clorofila e as outras substancias da folla.

Podemos cubrir un informe do experimento utilizando o modelo de experimentos:

Sabías que a técnica que utilizamos para separar as cores se chama cromatografía? Trátase dunha técnica científica que se utiliza para separar, identificar e analizar os compoñentes dunha mestura.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)