Pequena peza de metal que se utiliza para xuntar dúas pezas con forza.
Exemplo:
Usamos un fuso para manter as patas da mesa ben unidas e evitar que se movan.
Micro:bit
Definición:
Placa pequena que se pode programar.
Exemplo:
Coa Micro:bit podemos crear un xogo de luces que cambie ao premer un botón!
Programar
Definición:
Dar instrucións a unha máquina ou aparato para que faga algo.
Exemplo:
Imos programar o boneco para que baile.
Coidados do horto
Agora que o noso horto está plantado, é moi importante coidalo para que as plantas medren sans e fortes. A continuación, tedes algunhas cousas importantes que debedes facer.
Regar con coidado
Xa sabemos que as plantas non só necesitan sol, tamén necesitan auga na cantidade xusta para medrar sans e fortes. Se as regamos demasiado, as raíces pódense danar, e se lles damos moi pouca, secan. Por iso, imos usar a tecnoloxía para axudar. Imos construír un detector de humidade cunha placa Micro:bit, que nos permitirá saber cando o chan está seco e cando necesita auga. Así, non só conseguiremos aforrar auga, senón que o noso horto estará sempre en boas condicións.
Estades listos para usar a ciencia e a tecnoloxía para coidar o noso horto?
Construímos un detector de humidade
Materiais
2 cravos. Unha regreta de electricidade. 2 cables con pinzas. 1 Micro:bit. 1 cable USB para a Micro:bit. 1 chave de parafusos. 1 fonte de enerxía para a Micro:bit.
Paso 1
Colocamos os cravos na regreta, deixando un oco de separación entre eles. Comprobamos que os fusos estean ben axustados. Lembrade deixar un pouco de espazo na parte superior dos cravos para poder conectar as pinzas. A continuación, conectamos as pinzas a cada cravo.
Paso 2
Conectamos o outro extremo de cada cable á Micro:bit, utilizando os terminais 0 e 1 (non importa a orde na que se conecten). E xa temos armado o noso medidor.
Paso 3
Usamos a plataforma MakeCode para programar a Micro:bit.
Conectamos a Micro:bit e utilizamos os bloques para crear o programa. Ao iniciar, activamos o sensor durante 200 ms para poñelo a punto. Programamos o botón B para amosar na matriz LED da Micro:Bit os valores numéricos do sensor. Lembrade que os bloques para programar os terminais están na lapela "Avanzado".
Como funciona?
Ao premer un dos botóns, a Micro:bit envía tensión (3v) polo terminal 0 e mide canta desa tensión chega ao terminal 1. A máis humidade do chan, máis tensión chegará ao terminal 1.
Paso 4
Utilizamos o botón A para amosar un debuxo na matriz LED, que represente a humidade do chan.
Paso 5
Experimentamos
Comprobamos os valores máximo e mínimo que rexistra o sensor:
Para saber o valor mínimo, activamos o sensor sen tocar nada.
Para coñecer o valor máximo, tocamos os cravos cun papel mollado.
Debemos lembrar os valores máximo e mínimo porque os necesitaremos no seguinte paso.
Paso 6
Na plataforma MakeCode completamos a programación do botón A. Fixamos 3 valores para amosar a humidade do chan.
Por debaixo do valor mínimo + 100.
Por debaixo da media dos valores máximo e mínimo.
Por riba do valor máximo - 150.
Paso 7
Agora toca comprobar que todo funciona ben.
Pinchamos os cravos nunha terra seca e facemos unha medida. Debe amosar un valor baixo.
Probamos despois nunha terra mollada. Teremos o valor máis alto.
Se non funciona ben, hai que revisar a programación do paso 6.
Ademais de regar con coidado, hai outras tarefas importantes para que o horto se desenvolva de xeito saudable. Queredes saber cales son?
Quitar as malas herbas: son plantas que medran onde non deberían e rouban nutrientes ás nosas plantas. Debemos quitalas de raíz para que non volvan saír.
Protexer do sol e das pragas: algunhas plantas necesitan sombra e outras poden ser atacadas por bichos. Se vemos pragas, temos que usar solucións naturais para afastalas.
Observar e aprender: ollar como medran as plantas, revisar se teñen flores ou froitos e anotar o que vemos.
Manter o espazo limpo: gardar as ferramentas, limpar os camiños e procurar que o horto estea sempre organizado.
Para que non se nos esqueza nada, é conveniente levar un rexistro de estes coidados.
Se queremos que no noso horto non falte nada, é importante que organicemos as tarefas. Por iso, imos facer un calendario de coidados do horto. Este calendario nos axudará a saber que debemos facer cada día: quen rega as plantas, quen limpa as malas herbas, quen revisa se hai pragas, quen anota como van medrando as plantas e quen se encarga de que todo quede limpo e ordenado.
Así, todos teremos unha quenda para participar e coidar do horto de forma divertida e ordenada. Seremos un grande equipo de profesionais da xardinería! Estades listas e listos para comezar?