Saltar navegación

2.5.2 A condición física

É o estado físico do corpo. A mala condición física dificulta o traballo e as actividades cotiás, e unha boa condición física permitirá gozar dunha boa saúde e evitar doenzas.

Factores que modifican a condición física e a saúde

  • Exercicio físico. Practicalo con regularidade evita o sedentarismo.
  • Descanso. Calquera actividade física require un descanso adecuado a continuación. É preciso respectar un horario mínimo para durmir.
  • Alimentación. Debe ser variada e equilibrada, para asegurar a inxestión de todos os nutrientes necesarios para o organismo. Tamén cómpre beber regularmente, máis se se fai deporte, e se é posible antes de que se sinta sede, para evitar a deshidratación. E ademais, débese evitar a bolaría industrial, xa que adoita ter exceso de graxas prexudiciais.
  • Idade e xenética. A condición física diminúe coa vellez, pero pérdese máis cun estilo de vida pouco activo. Outros aspectos que inflúen na condición física son herdados xeneticamente dos pais (altura, tendencia á obesidade, doenzas, etc.).
  • Drogas, alcohol, tabaco e medicinas. O tabaco prexudica a respiración e o sistema circulatorio, dificulta a chegada de osíxeno ás células, ademais de producir cancro. As bebidas alcohólicas en exceso teñen efectos socialmente perigosos (accidentes de tráfico) e persoalmente destrutivos (afectan as neuronas, o fígado, o estómago, etc.).

Control do esforzo. Esforzo aeróbico e anaeróbico

Para controlarmos o esforzo temos que tomarnos as pulsacións do corazón. Podémolo facer pondo enriba da arteria carótide (a ambos os lados da gorxa) ou da radial (no pulso) as xemas dos dedos índice e medio (non o polgar). Mídese o número de pulsacións nun minuto, ou ben as de medio minuto e multiplicamos por dous.

Ao facermos exercicio suave o corazón bombea sangue e o osíxeno chega aos músculos en cantidade suficiente: facemos exercicio aeróbico. Se o exercicio é moi intenso, o osíxeno que chega ás células musculares é insuficiente e o esforzo convértese en anaeróbico.

  • Como sabemos se facemos esforzo aeróbico ou anaeróbico? Pois contando as pulsacións. En xeral o esforzo anaeróbico comeza cando as pulsacións están entre o 70 % e o 85 % da frecuencia cardíaca máxima [FCM = 220 - idade en anos]. Así, unha persoa de 40 anos ten unha frecuencia cardíaca máxima FCM = 220 - 40 = 180 pulsacións/minuto, e a zona de cambio aeróbica a anaeróbica está situada entre 180 x 70/100 = 126 pulsacións/min e 180 x 85/100 = 153 pulsacións/minuto.

Para esa persoa, se a frecuencia cardíaca é menor de 126 o esforzo é aeróbico, entre 126 e 153 é a zona de cambio e por riba de 153 pulsacións/min, o esforzo é anaeróbico.

Técnicas de respiración

Aprendamos a respirar ben. unha boa respiración combina os dous tipos seguintes:

–       Torácica: localizada nas costelas. Utiliza a parte media dos pulmóns, e é o tipo de respiración máis frecuente.

–       Abdominal: mediante a contracción do diafragma, situado xusto debaixo dos pulmóns e mobiliza o aire da zona baixa deles; é o tipo de respiración máis aconsellable.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0