A organización do corpo humano: nutrición, saúde e doenza. A actividade física
2.2.2 O aparello respiratorio
O aparello respiratorio está formado polas vías respiratorias e os pulmóns. A súa función é captar o osíxeno O2 que o noso corpo necesita e desprender o dióxido de carbono CO2 que produce. As vías respiratorias son as fosas nasais, a farinxe, a larinxe a traquea e os bronquios. A súa función é conducir o aire ata os pulmóns.
- Fosas nasais: son a vía de entrada e saída do aire. A súa principal función é limpar, quentar e humedecer o aire antes de que chegue aos pulmóns.
- Farinxe: é unha cavidade común ao aparello dixestivo e respiratorio.
- Larinxe: contén as cordas vocais, o noso aparello de fonación.
- Traquea: ten 12 cm de lonxitude e está situada diante do esófago. Divídese en dúas pólas chamadas bronquios.
- Bronquios: penetran nos pulmóns tamén se ramifican (dúas pólas no bronquio esquerdo e tres no dereito) ata rematar en tubiños moi finos chamados bronquíolos.
- Bronquíolos: son uns tubiños moi finos en que se dividen os bronquios. Rematan nuns saquiños irregulares chamados alvéolos.
- Alvéolos: neles prodúcese o paso do osíxeno do aire ao sangue e do dióxido de carbono desde o sangue ao aire.
- Pulmóns: están constituídos polo conxunto dos bronquíolos, os alvéolos e os vasos sanguíneos que os rodean. O pulmón dereito é maior que o pulmón esquerdo. O primeiro está dividido en tres lóbulos (superior, medio e inferior) e o segundo en dous (superior e inferior). Os pulmóns son órganos moi delicados que están protexidos pola pleura e a caixa torácica. O diafragma é un músculo plano que fai de base da caixa separando o tórax do abdome.
Actividade proposta
S5. Indique a que aparello corresponde o debuxo e identifique os órganos sinalados.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0