Saltar navegación

2.5.1 O quecemento físico

Son os exercicios que temos que facer antes da práctica dun deporte ou do desenvolvemento dun traballo, co fin de prepararmos o corpo para o esforzo, mellorarmos o rendemento e, sobre todo, diminuírmos a posibilidade de sufrirmos unha lesión. Cando os músculos están fríos é moi doado lesionarse ao facer un esforzo.

Os exercicios de quecemento activan a respiración e aumentan a frecuencia cardíaca, co resultado de que así chega máis osíxeno ás células dos músculos, co que aumenta a temperatura do corpo, dos músculos e das articulacións.

O quecemento ten que ser suave e progresivo, pouco a pouco. Non debe chegar a fatigarnos. Intentaremos traballar o maior número posible de músculos; polo menos os que logo imos utilizar máis. E cando xa estean quentes, non debemos deixar pasar moito tempo antes de facer o exercicio físico, traballo ou deporte, para non arrefriármonos. O quecemento ten tres fases.

 

  • Exercicios xerais (primeira fase). Son exercicios comúns a todos os tipos de quecemento, sexa cal sexa o traballo ou deporte que se faga logo. Débense facer de xeito suave, con desprazamento (correr, saltar, etc.) e movendo todas as partes do corpo (pés, mans, brazos, pernas, cabeza, cintura, costas, etc.), aumentando progresivamente a temperatura corporal, ata suar.

 

  • Exercicios de estirada (segunda fase). Preparan os músculos, os tendóns e as articulacións para o traballo posterior. Ademais, son moi importantes para evitar lesións (pinzamentos, rotura de fibras e de ligamentos, etc.). Hai que estirar as costas, os ombreiros, os brazos, os cadrís e as pernas.
 
 

 Exercicios específicos (terceira fase). Por último debemos facer exercicios simulando os movementos que logo imos facer no deporte que vaiamos practicar ou no traballo que teñamos que facer.

Finalmente hai que lembrar que ao acabar o deporte ou exercicio físico hai que relaxar os músculos, facendo exercicios suaves e estiradas

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0