Saltar navegación

2.2.3 O aparello circulatorio

Nos seres humanos o aparello circulatorio ten dous compoñentes: o sistema sanguíneo e o sistema linfático.

Sistema sanguíneo

Está formado polo sangue, os vasos sanguíneos e o corazón.

  • O sangue está formado por unha parte líquida, chamada plasma, na que están os glóbulos vermellos, encargados do transporte de osíxeno desde os pulmóns a todos os órganos e tecidos do corpo, os glóbulos brancos, encargados da defensa do organismo fronte ás infeccións, e as plaquetas, que teñen por misión a coagulación do sangue cando se produce a rotura dun vaso sanguíneo.
  • Os vasos sanguíneos poden ser de tres tipos: arterias, veas e capilares.

–      As arterias son os vasos que conducen o sangue desde o corazón aos órganos.

–      As veas son os vasos que levan o sangue de volta desde os órganos ata o corazón.

–      Os capilares son os vasos que conectan as arterias coas veas.

  • O corazón está feito do tecido muscular cardíaco, ou miocardio, que se contrae e relaxa ritmicamente de xeito continuo. Ten catro compartimentos, dous superiores, chamados aurículas, e dous inferiores, ou ventrículos A contracción do corazón chámase sístole e a súa relaxación diástole.

Sistema linfático

Está formado polos ganglios linfáticos, os vasos linfáticos. e un líquido que circula polos vasos, chamado linfa.

  • A linfa é un liquido abrancazado que contén plasma e glóbulos brancos. Recorre o corpo a través dos vasos linfáticos.

Os ganglios linfáticos son uns corpos de forma parecida á dun chícharo, cun tamaño que oscila entre 1 mm e 2 cm e que conteñen un gran número de glóbulos brancos. Están distribuídos ao longo dos vasos linfáticos, pero son máis abundantes en determinadas zonas do corpo, como as inguas, as axilas e o pescozo.

 

Actividade resolta

Que é o sangue? Cales son as súas funcións? Que compoñentes ten?

Solución

O sangue é un tecido moi especializado, cunha substancia intercelular líquida chamada plasma, e con compostos celulares: glóbulos brancos, glóbulos vermellos e plaquetas. O sangue ten como función o transporte de substancias, defensa do organismo, control de hemorraxias e a distribución da calor corporal

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0