2.3.4 Dietas
Coñecemos como dieta a inxestión diaria habitual de alimentos. Unha dieta diaria equilibrada ten que achegar unha proporción axeitada de hidratos de carbono, graxas, proteínas, substancias minerais, vitaminas e, ademais, uns dous litros de auga (presentes nos líquidos e nos alimentos que inxerimos).
- A dieta hipercalórica (que achega máis enerxía que a necesaria) provoca obesidade porque os nutrientes que non se consumen convértense en lípidos e almacénanse, dando lugar a un exceso de graxa corporal.
- A dieta hipocalórica (que achega menos enerxía da que se gasta), provoca perda de peso, porque o organismo utiliza a reserva que almacena en forma de graxa para obter a enerxía que necesita.
Pirámide alimentaria
É outra ferramenta creada polos nutricionistas, que resume as recomendacións xa dadas na roda de alimentos para crear unha dieta equilibrada:

Actividades resoltas
A que se debe que moitos especialistas consideren a dieta mediterránea como un bo modelo de dieta equilibrada?
|
Solución |
A dieta mediterránea, que coincide coa alimentación tradicional de zonas de España ou Italia, é considerada polos especialistas como o mellor modelo de dieta equilibrada. Isto é así porque a frecuencia das doenzas cardiovasculares (que son as maiores causantes de mortes nos países desenvolvidos) relacionadas coa dieta é menor na área mediterránea que noutros lugares do mundo. Ademais ten un carácter preventivo do cancro de colon, estrinximento e obesidade. Caracterízase pola abundancia dos cereais, como o arroz e os seus derivados, o pan ou as pastas, e a importancia do peixe, a froita, as verduras frescas e os legumes. O aceite de oliva tamén é unha característica propia da dieta mediterránea.
|
Cal é a diferenza entre a roda de alimentos e a pirámide alimentaria?
|
Solución |
A roda de alimentos é unha clasificación dos alimentos en seis grupos tendo en conta os nutrientes que conteñen (glícidos, lípidos, etc.). A pirámide alimentaria é unha recomendación sobre a frecuencia de consumo de diferentes alimentos. |
Actividade proposta
S8. Indique o consumo recomendado dos seguintes alimentos segundo a pirámide alimentaria: leite e derivados; doces; carne vermella; aceite de oliva; peixe, ovos ou polo; e cereais (arroz, pan, pasta, etc.).
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0