2.3.6 O que debemos saber como consumidores
A publicidade é enganosa cando fai crer que un produto ou servizo alimentario ten propiedades que non ten, ou ben cando oculta algún tipo de información. É a denominada fraude alimentaria.
Etiquetaxe
A etiquetaxe dos produtos alimentarios permite que os consumidores escollan os máis adecuados ás súas necesidades. En todas as etiquetas deben figurar estes datos:
-
- Denominación do produto.
- Listaxe de ingredientes.
- Datas de caducidade ou consumo preferente. A data de caducidade indica que o produto é perecedoiro, e o consumo posterior pode ser perigoso. A data de consumo preferente indica ata cando o produto se atopa en condicións óptimas; despois comeza a deteriorarse pero non é prexudicial para a saúde.
- O grao alcohólico, para as bebidas cun grao superior ao 1,2 %.
- Modo de emprego, en caso de ser necesario.
- Identificación da empresa.
- Identificación do lote de fabricación.
- Lugar de orixe ou de procedencia.
- Cantidade neta.
- Instrucións de conservación.
- Información nutricional.
Para unha correcta interpretación da etiqueta dun alimento é necesario identificar:
- Sucedáneos: son produtos moi parecidos na súa presentación aos que pretenden substituír, sen usar a mesma materia prima que o produto copiado. Tratan de cumprir a mesma función a prezos máis económicos ou ben evitar algún efecto indesexable no orixinal (como a cantidade de calorías).
- Aditivos alimentarios: son produtos naturais ou artificiais sen valor nutritivo empregados pola industria alimentaria con diversos fins. Os mais utilizados son os seguintes:
– Conservantes: prolongan a duración do alimento.
– Colorantes: danlle ao alimento unha cor atractiva para o consumidor.
– Antioxidantes: impiden alteracións dos alimentos por oxidación.
– Edulcorantes: proporciónanlles sabor doce aos alimentos.
– Estabilizantes: manteñen a textura e o aspecto do produto alimentario.
– Potenciadores de sabor: modifican ou reforzan o sabor.
Os aditivos que se empregan teñen que estar autorizados tras comprobarse a súa inocuidade. Nos países da Unión Europea, os aditivos alimentarios autorizados desígnanse mediante un número de código, formado pola letra E e un número de tres ou catro cifras.
- Alimentos transxénicos. Proceden de organismos modificados xeneticamente (OMX) mediante técnicas de enxeñaría xenética, que consisten en introducir nuns organismos determinados xenes procedentes doutros seres vivos (véxase a unidade 1). Na actualidade existen moitos alimentos transxénicos que esperan ser comercializados:
|
Algúns dos proxectos que se realizan na actualidade |
||||
|
Resistentes ás pragas. |
|
|
Con capacidade para albergar vacinas. |
|
Crecemento máis lento, sen flor amarela. |
|
|
Resistentes ás pragas. |
|
Mellor sabor, menos cafeína |
|
|
Menor absorción de aceite ao cociñar. |
|
Resistente aos insectos. |
|
|
Mellor composición dos ácidos graxos. |
|
Máis duradeiro. |
|
|
Fariña máis axeitada para fabricar pan. |
|
Variedade sen pebidas |
|
|
Resistente ás xeadas. |
Actualmente existe un debate moi intenso sobre as vantaxes e os inconvenientes deste tipo de alimentos, xa que para algúns investigadores non suscita perigo ningún, entanto que para outros o seu uso entraña riscos para a saúde. Ao mesmo tempo, as asociacións de consumidores reclaman leis máis estritas que obriguen a informar na etiqueta se un produto inclúe na súa composición un alimento transxénico.
- Alimentos ecolóxicos: son alimentos de elevada calidade nutritiva, sen necesidade de utilizar substancias químicas de síntese (pesticidas, herbicidas, fertilizantes, etc.) nin OXM. Estes produtos non só teñen como obxectivo ser máis sans, senón tamén coidar o solo, xa que moitas das súas técnicas o enriquecen. Os alimentos ecolóxicos envasados en España teñen que levar de xeito obrigatorio a etiqueta do Consello Regulador para a Agricultura Ecolóxica (CRAE), que entregan as consellerías con competencias en agricultura das comunidades autónomas.
Actividades resoltas
Hai anos unha central leiteira galega foi condenada polo uso de soros e derivados da fabricación de queixos para lle engadir ao leite. É unha fraude? Por que?
|
Solución |
Si, considérase un alimento adulterado ou unha fraude, xa que se entende por fraude alimentaria aquel alimento ao que se lle engadira ou quitara algún dos seus compoñentes, de xeito que non corresponda coa información indicada na etiqueta. |
Indique razóns que xustifiquen que no mercado estea pouco estendido o consumo de alimentos ecolóxicos.
|
Solución |
Malia as importantes vantaxes dos alimentos ecolóxicos, de momento están pouco estendidos no mercado. Para moitas persoas, son caros. Para outras, o seu aspecto non é comparable coas demais froitas e verduras seleccionadas e tratadas. |
Actividades propostas
S10. Indique que aditivos leva un iogur de pexego e a función que realiza cada un.
S11. Un sucedáneo de marisco pódese considerar unha fraude alimentaria?
S12. Cre que pode estar a comer algún alimento transxénico sen o saber? Para o coñecer, lea as etiquetas dos produtos que haxa na súa casa e que teñan amidón de millo e anote en cales aparece a expresión modificado xeneticamente.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0