A organización do corpo humano: nutrición, saúde e doenza. A actividade física
2.1.3 Os sistemas e aparellos humanos
Sistemas
Os sistemas son conxuntos de órganos do mesmo tipo que realizan unha función similar. Hai catro sistemas:
- Esquelético. Os órganos que o constitúen son os ósos. A súa función é intervir na locomoción, participando conxuntamente co sistema muscular.
- Nervioso. Os órganos que o constitúen forman, por unha banda, o sistema nervioso central (cerebro, cerebelo, bulbo raquídeo e medula espiñal), e por outra parte o sistema nervioso periférico, integrado polos nervios. Ten como función captar estímulos dos medios interno e externo, e producir unha resposta axeitada.
- Muscular. Está constituído polos músculos esqueléticos. Ten como función darlle movemento ao corpo.
- Endócrino ou hormonal. Fórmano as glándulas endócrinas. A súa función é coordinar todos os sistemas e aparellos corporais e producir respostas, mediante impulsos nerviosos e secreción de hormonas.
Aparellos
Son conxuntos de órganos moi distintos, que traballan de xeito coordinado realizando a mesma función. Distínguense cinco aparellos diferentes que son:
- Circulatorio. A súa función é o transporte de gases, nutrientes, hormonas e substancias de refugallo, tamén ten unha función de defensa. Está constituído polo corazón e os vasos sanguíneos.
- Respiratorio. A súa función é a entrada de aire no corpo e o intercambio de gases co sangue. Está formado polas vías respiratorias e os pulmóns.
- Dixestivo. A súa función é obter os nutrientes dos alimentos e levalos cara ao sangue. Está formado polo tubo dixestivo e as glándulas anexas (glándulas salivares, fígado e páncreas).
- Excretor. Ten como función eliminar do sangue as substancias de refugallo procedentes do metabolismo celular. Está formado polos riles e as vías urinarias.
- Reprodutor. A súa función é a supervivencia da especie. Presenta diferenzas notables dos órganos que o compoñen, entre os homes e as mulleres.
- Locomotor. Realiza a función do movemento e sustentación do corpo. Está formado polo sistema esquelético e o muscular.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0