No Paleolítico

No Paleolítico o hábitat dos seres humanos dependía moito do clima e das características xeolóxicas do territorio.
Os homínidos facían asentamentos temporais ao aire libre nos que construían cabanas de madeira ou chozas con ramas e peles. Tamén habitaron de forma sucesiva e ocasional en covas e abrigos naturais. É o caso de Atapuerca.
Buscaban emprazamentos próximos á auga, ou ben lugares elevados cunha boa visión da contorna, para controlar a caza e para defenderse mellor dos predadores.
Nestes lugares de habitación aparecen moitas veces os restos dos primeiros instrumentos utilizados polos homínidos, desde bifaces ata rascadeiras, agullas e armas. Tamén atopamos bastóns perforados e propulsores, así como pequenas estatuíñas. Sempre son cousas pequenas e facilmente transportables na súa vida nómade.
Conservamos algúns restos de vestimenta do Paleolítico superior. Utilizaban peles e tamén calzado para protexerse do frío e percorrer grandes distancias. Pero as súas vestimentas, coma as vosas, non só estaban pensadas para abrigar. Os seres humanos prehistóricos tamén eran presumidos, e usaban adornos e pigmentos sobre os seus corpos. Ou que pensabas!
Lectura facilitada
No Paleolítico o hábitat dependía do clima.
Tamén dependía das características do territorio.
Os sitios onde vivían chámanse asentamentos.
Os asentamentos eran temporais.
Había asentamentos ao aire libre ou en covas.
Estaban preto da auga ou en lugares elevados.
Os homínidos usaban instrumentos.
Estes instrumentos son cousas pequenas e fáciles de transportar. Aparecen nos asentamentos.
Conservamos restos de vestimenta.

