Saltar navegación

A cultura

 

Glosario

Arte moble

Imaxe de dun busto feminino do Paleolítico

Definición:

Manifestacións artísticas que se poden transportar. Adoitan ser pequenas esculturas realizadas en óso, marfil e pedra.

Exemplo:

As venus paleolíticas son unha mostra de arte moble.

Arte prehistórica

Fotografía dunha persoa nunha cova

Definición:

Conxunto de manifestacións humanas con valor artístico (cerámica, pinturas nas paredes, obxectos rituais, esculturas, relevos ou construcións megalíticas) producidas polo ser humano durante a Prehistoria.

Exemplo:

O menhir de Gargantáns forma parte da arte prehistórica.

Arte rupestre

Fotografía do petróglifo de Mogor de Marín

Definición:

Manifestacións artísticas prehistóricas realizadas sobre rocha a través dun debuxo, pintura ou gravado. Poden aparecer tanto sobre paredes de abrigos ou covas coma en pedras illadas ou sobre penedos. Os primeiros exemplos son do 40.000 a. C., durante o Paleolítico superior.

Exemplo:

A arte rupestre ten en Galicia exemplos de gravados nas rochas, chamados petróglifos. 

Megalitismo

Fotografía de monumentos megalíticos

Definición:

Manifestación cultural caracterizada por construcións feitas con grandes bloques (a palabra componse de “mega”, que significa grande, e de “lithos”, que significa pedra) entre o 5.000 e o 1.800 a. C., tanto na Europa atlántica coma na mediterránea.

Exemplo:

Algúns monumentos megalíticos serían o menhir de Gargantáns en Moraña ou o dolmen de Axeitos en Ribeira.

Petróglifos

Fotografía de petróglifos

Definición:

Gravados feitos mediante a técnica de percusión sobre rocha. Realizados sobre todo na Idade dos Metais.  

Exemplo:

Fomos visitar os petróglifos de Campo Lameiro.  

Crenzas e rituais

Preparación da tumba: Egtvedpigen no cadaleito, visto desde arribaTanto a etnografía coma os restos materiais dos enxovais fálannos das primeiras crenzas e rituais. Os primeiros ritos funerarios datados aparecen durante o Paleolítico. Os defuntos aparecen rodeados dun enxoval funerario que inclúe obxectos persoais de gran valor material e, sen dúbida, tamén sentimental.

Coa sedentarización e coa acumulación de riquezas, os enxovais fanse cada vez máis ricos e variados. Fíxate, por exemplo, na imaxe do enterramento da moza de Egtved. Como ves, inclúe obxectos moi valiosos, como ese gran cinto de bronce. Os obxectos son moi variados: hai xoias, vasillas, peles... 

Consérvanse instrumentos musicais como frautas e tamén pinturas que se interpretan como rituais.

A poboación consideraba a natureza coma unha forza coa que podía establecer unha relación a través de representacións, ofrendas ou ritos. Estas poderían ser a base das manifestacións da arte prehistórica.

A arte, no seu sentido estético e ritual, é unha das características que nos fai humanos.

Lectura facilitada

Os primeiros ritos funerarios datados aparecen no Paleolítico. 

Os defuntos aparecen rodeados dun enxoval funerario.

O enxoval inclúe obxectos persoais de gran valor material e sentimental.

No Neolítico acumúlase a riqueza e os enxovais son cada vez máis ricos e variados. 

Consérvanse tamén instrumentos musicais e pinturas que se interpretan como rituais. 

Esta podería ser a orixe da arte prehistórica.

Manifestacións artísticas

As primeiras manifestacións artísticas datan do Paleolítico. Os homes e as mulleres desta época pintaban nas paredes, o que coñecemos como arte rupestre. Tamén esculpiron e tallaron sobre diversos materiais. Cando se traballa sobre pedra falamos de petróglifos

Coñece as principais manifestacións artísticas da Prehistoria.

Arte rupestre

Pintura rupestre dun cazador

As pinturas rupestres realizáronse nos teitos e paredes das covas ou en abrigos das rochas, de aí o seu nome. As pinturas do Paleolítico son pinturas con policromía (de varias cores) que representan a fauna paleolítica e non compoñen escenas. Tamén se representaron símbolos e mans en positivo e negativo. Un exemplo destacado na península ibérica é a cova de Altamira (Santillana del Mar).

No Neolítico estas pinturas son esquemáticas e monocromáticas (dunha soa cor). Nelas represéntanse escenas de animais e persoas, en rochas ao aire libre ou en abrigos. Un exemplo é a escena da danza achada na Cova de Cogul (Lleida).

Arte moble

 Neolítico, figura da divina nai, en terracotaNa arte mobiliar destacan pequenos obxectos fáciles de transportar, sobre pedra, óso ou hasta, como os bastóns de mando ou os propulsores. Tamén temos figuras femininas denominadas "Venus".

A partir do Neolítico destacan unhas pequenas figuras que representan o corpo humano moi esquematizado, que denominamos ídolos.

Petróglifos

Imaxe dun petróglifoNo Neolítico tamén se iniciou unha das manifestacións máis estendidas en Galicia, os petróglifos. Estes representan tanto formas xeométricas coma naturalistas

Megalitismo

Fotografía do Dolmen_de_LloberaNo megalitismo aparecen construcións cuxas funcións non están moi claras e parecen ser diversas: lugares de enterramento, de reunión ou de demarcación do territorio. 

As construcións máis características son os menhires ou pedras fitas, os crómlech, os henge (círculos líticos) e os dolmens ou mámoas. As construcións megalíticas son un reflexo claro dunha capacidade de cooperación cada vez maior.

Ourivaría

Fotografía do Tesouro de CaldasNa Idade dos Metais destacou o traballo da ourivaría. Esta foi unha das mostras da diferenciación social e dos contactos entre as diferentes culturas do mediterráneo e o atlántico.

Lectura facilitada

As primeiras manifestacións artísticas datan do Paleolítico. 

Os homes e mulleres desta época pintaban nas paredes, esas pinturas chámanse arte rupestre.

Tamén esculpiron e tallaron sobre diversos materiais.

Os debuxos feitos sobre pedra chámanse petróglifos.

Coñece as principais manifestacións artísticas da Prehistoria.

Arte rupestre

As pinturas rupestres están nos teitos e nas paredes das covas.

Tamén aparecen en zonas de abrigo das rochas.

As pinturas do Paleolítico son pinturas con policromía, de varias cores.

Representan a fauna paleolítica.

Son pinturas nas que non aparecen escenas.

Tamén se representaron símbolos e mans en positivo e negativo.

Un exemplo destacado na Península Ibérica é a cova de Altamira en Santillana del Mar.

No Neolítico estas pinturas son esquemáticas e monocromáticas cunha soa cor.

Nelas represéntanse escenas de animais e persoas.

Un exemplo é a escena da danza achada na cova de El Cogul en Lleida.

Arte moble

Os pequenos obxectos fáciles de transportar chámanse arte moble.

Eses obxectos facíanse sobre pedra, óso ou cornos de animal.

Un exemplo son os bastóns de mando ou os propulsores.

Tamén temos figuras femininas denominadas "venus".

A partir do Neolítico fanse representacións do corpo humano.

Esas representacións son figuras moi esquematizadas.

As figuras humanas esquematizadas chámanse ídolos.

Petróglifos

Os petróglifos tamén datan do Neolítico.

Os petróglifos son unha das manifestacións artísticas máis estendidas en Galicia.

Os petróglifos representan tanto formas xeométricas coma naturalistas.

Megalitismo

As funcións das construcións megalíticas non están moi claras.

Pode ser que fosen lugares de enterramento ou lugaresde reunión.

Quizais tamén servían para demarcar o territorio.

As construcións máis características son os menhires, os crómlech, os dolmens ou as mámoas.

As construcións megalíticas reflicten unha capacidade de cooperación cada vez maior.

Ourivaría

Na Idade dos Metais destacou o traballo da ourivaría.

Esta foi unha das mostras da diferenciación social.

Tamén demostra que había contacto entre as culturas do mediterráneo e do atlántico.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)