As relacións sociais no Paleolítico
No Paleolítico os humanos organizábanse en diferentes clans duns 20-40 individuos liderados por un xefe ou unha xefa do clan. O lar era a unidade social básica dentro do clan.
Varios clans formaban unha tribo e estaban unidos por vínculos como un antepasado ou unha antepasada común, crenzas, rituais ou lugares de culto e enterramento. Vivían nun mesmo territorio e existían relacións de cooperación para levaren a cabo as diferentes actividades.
Mais a convivencia non sempre era pacífica. Ás veces había enfrontamentos entre clans dunha mesma tribo.
Parece que no Paleolítico homes e mulleres podían desempeñar funcións semellantes nos grupos: elaborar útiles, cazar e recoller, entre outras. Seguramente foi o período máis igualitario da Prehistoria.
Pero a vida era difícil no Paleolítico. A esperanza de vida non superaba os 30 anos e a mortalidade era moi alta.
Pensa que hoxe a esperanza de vida que temos ronda os 80 anos... máis do dobre!
Lectura facilitada
Os seres humanos organizábanse en diferentes clans.
Nos clans había 20 ou 40 individuos.
Varios clans formaban unha tribo.
Os membros das tribos estaban unidos por antepasados comúns.
Os clans cooperavan entre eles e vivían no mesmo territorio.
A convivencia non sempre era pacífica.
Nesta etapa os homes e as mulleres tiñan funcións parecidas.
Elaboraban útiles, cazaban e recollían froitos.
A esperanza de vida era de 30 anos.
A mortalidade era moi alta.

