Saltar navegación

3.1. O estudo da Prehistoria

 

Glosario

Arqueoloxía

Fotografía dun arqueólogo traballando

Definición:

Ciencia que reconstrúe o pasado da humanidade a través dos restos materiais (ósos, instrumentos, tecidos etc.) atopados  e analizados nos xacementos arqueolóxicos. É fundamental para estudar a prehistoria, pero tamén a nosa historia máis recente.

Exemplo:

Elba estudou o Grao de Arqueoloxía. 

Estrato

Fotografía dos estratos dun outeiro

Definición:

Son as capas, sedimentos de materiais que se van acumulando ao longo de miles ou centos de anos. Cada estrato ten unha composición, aspecto (cor), volume, e contido diferente. O estudo dos estratos achéganos moita información sobre a evolución da Terra (xeoloxía) e tamén sobre as características das sociedades do pasado (arqueoloxía).  Normalmente están ordenados por orde cronolóxica, o máis antigo está máis ao fondo, e o máis recente, máis arriba.

Exemplo:

Os estratos da Sima de los Huesos, en Atapuerca, permítenos estudar o Paleolítico europeo. 

A investigación

Saberiades dicir a que se dedica a arqueoloxía?

O seu traballo consiste en localizar restos materiais para coñecer mellor o noso pasado. Chamámolos fontes históricas.

É moi importante datalos correctamente. No caso dos restos prehistóricos, isto ás veces non é tan doado.

Podedes saber a que período pertence un resto arqueolóxico segundo o estrato no que aparece ou asociándoo a outros restos que aparezan no mesmo nivel.

Lectura facilitada

Saberiades dicir a que se dedica a arqueoloxía?

Localiza restos materiais para coñecer mellor o noso pasado.

Chamámolos fontes históricas.

É moi importante datalos correctamente.

No caso dos restos prehistóricos, isto ás veces non é tan doado.

Podedes saber a que período pertence un resto arqueolóxico segundo o estrato no que aparece.

Ou asociándoo a outros restos que aparezan no mesmo nivel.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)