Os homínidos
Descubramos agora algunhas das especies que forman parte da nosa grande familia humana. Preme nas imaxes se queres velas máis grandes.
Australopithecus
É un dos nosos primeiros antepasados. Aparece en África hai uns 4 millóns de anos (m. a.). Xa camiñaban erguidos e sabemos que fabricaron as primeiras ferramentas. A máis coñecida é Lucy.
Homo habilis
Pensábase que era o primeiro homínido en fabricar ferramentas de pedra hai uns 2 millóns de anos.
Homo ergaster
Os seus fósiles formáronse arredor do lago Turkana (Kenia) hai uns 1,8 millóns de anos. Trátase dunha especie que xa aparece asociada a unha enorme variedade de ferramentas no rexistro arqueolóxico.
Homo erectus
Aparece hai 1,8 millóns de anos. Foi o primeiro en saír a pé de África cara a Asia. Caracterízase polo aumento da súa capacidade cranial e foi o primeiro en dominar o lume, algo fundamental na evolución da dieta e da anatomía humana.
Homo antecessor
En Europa temos o Homo antecessor, "o explorador". Os seus fósiles teñen unha antigüidade de 900.000 anos e descubríronse no xacemento da Gran Dolina, en Burgos, na Serra de Atapuerca. Un dos fósiles máis coñecidos é o da rapaza da Gran Dolina.
Homo neanderthalensis
É unha especie propia de Europa. Recibe o seu nome do val alemán de Neander, onde se atopou por primeira vez. Era robusto e a súa capacidade cranial era similar á dun sapiens. Tiña capacidade cognitiva e pensamento simbólico. Hai constancia de que esta especie conviviu cos sapiens, deixando pegada no noso ADN.
Homo sapiens sapiens
Procede do norte de África. Os restos fósiles máis antigos teñen uns 300.000 anos e saíron cara a Asia e Europa hai uns 100.000 anos. Destaca pola súa enorme variedade xenética, froito dunha longa historia de hibridación con outras especies. Será o primeiro homínido que habite todos os continentes.
Lectura facilitada
Descubramos agora algunhas das especies da grande familia humana.
Australopithecus
É un dos nosos primeiros antepasados.
Aparece en África hai uns 4 millóns de anos (m. a.).
Xa camiñaban erguidos.
Sabemos que fabricaron as primeiras ferramentas.
A máis coñecida é Lucy.
Homo habilis
Pensábase que era o primeiro homínido en fabricar ferramentas de pedra.
Hai uns 2 millóns de anos.
Homo ergaster
Os seus fósiles apareceron arredor do lago Turkana (Kenia).
Hai uns 1,8 millóns de anos.
Trátase dunha especie asociada a unha enorme variedade de ferramentas.
Homo erectus
Aparece hai 1,8 millóns de anos.
Foi o primeiro en saír a pé de África cara a Asia.
Caracterízase polo aumento da súa capacidade cranial.
Foi o primeiro en dominar o lume, fundamental na evolución humana.
Homo antecessor
En Europa.
Os seus fósiles teñen unha antigüidade de 900.000 anos.
Descubríronse no xacemento da Gran Dolina, en Burgos, na Serra de Atapuerca.
Un dos fósiles máis coñecidos é o da rapaza da Gran Dolina.
Homo neanderthalensis
É unha especie propia de Europa.
Recibe o seu nome do val alemán de Neander, onde se atopou por primeira vez.
Era robusto e a súa capacidade cranial era similar á dun sapiens.
Tiña capacidade cognitiva e pensamento simbólico.
Esta especie conviviu cos sapiens.
Deixou pegada no noso ADN.
Homo sapiens sapiens
Procede do norte de África.
Os restos fósiles máis antigos teñen uns 300.000 anos.
Saíron cara a Asia e Europa hai uns 100.000 anos.
Destaca pola súa enorme variedade xenética.
É froito dunha longa historia de hibridación con outras especies.
É o primeiro homínido que habitou todos os continentes.
