Saltar navegación

Expresión oral

Glosario

Glosario

Linguaxe corporal

Pictograma linguaxe corporal

Definición:

A linguaxe corporal é cando nos comunicamos de forma non verbal, é dicir, cando empregamos xestos, distintas expresións na cara, posturas e movementos do noso corpo.

Exemplo:

Estaba moi feliz, a súa linguaxe corporal demostrábao. So facía rir e estaba alegre. 

Expresión oral correcta

Foto en branco e negro dun rapaz berrando a un micrófono

A expresión oral, é dicir, falar, é unha habilidade que só temos as persoas. 

Unha boa expresión oral non só nos permite comunicarnos para, por exemplo, conseguir un alimento ou avisar dun perigo. Senón que, permite comunicar as nosas ideas e as nosas intencións de maneira clara e efectiva. 

Se a usamos ben, ata chega a expresar as nosas emocións e sentimentos. Mira se é importante!

E onde se aprende a desenvolver esa expresión oral? Pois na escola. A continuación imos amosar unhas técnicas para acadar unha expresión oral efectiva e como usala diariamente para a nosa vida.

Prepárate para usar as túas palabras de forma máxica.

Lectura facilitada

A expresión oral só a temos os seres humanos.

A boa expresión oral permite comunicarnos cos demais.

Coa voz podemos expresar sentimentos e mocións.

Na escola aprendemos a falar correctamente.

Prepárate para empregar as túas palabras

Conselliños importantes!

Ritmo

Un coche a moita velocidade

Fala a unha velocidade media, nin moi lento nin moi rápido.

Volume

Imaxe dun altofalante con volume

Fala de forma que todos te escoiten. Nin alto nin baixo, usa un volume medio.

Linguaxe corporal

Pictograma nena saudando

Move o teu corpo de forma contida. Podes dar pequenos pasiños cara adiante ou cara aos os lados. Iso axudará a que o público manteña a atención.

Podes mover as mans e os brazos de forma contida. Non deben subir por riba da cabeza.

Non esquezas mirar a todo o público e non só ás persoas que están diante. Desta forma conectarás mellor con quen escoita.

Controla os nervios

Pictograma nena con nervios

Canto máis practiques o que queres dicir, mellor.

Intenta estar relaxado ou relaxada.

Cómpre respirar de forma correcta para controlar a ansiedade.

Recorda, todo mellora coa práctica!

Pasos a seguir

Coñecemento e preparación

Pictograma nena cun libro

Tes que coñecer todo o posible sobre o tema. Investiga a fondo para falar con máis confianza.

Organiza as túas ideas, podes escribir un pequeno esquema cos puntos importantes dos que queres falar.

Estrutura da presentación

Pictograma libro introdución

Cómpre levar unha orde. Separa o que vas dicir en tres partes:

  • Introdución: fai unha presentación do tema, é dicir, escribe cal é o obxectivo do que vas falar.
  • Desenvolvemento: explica o contido do tema e os datos dos que dispós.
  • Conclusión: resume as ideas principais e remata dicindo a importancia do teu tema.

Claridade

Pictograma lectura fácil

Usa unha linguaxe sinxela.

Usa frases curtas, concisas e apoiadas con exemplos.

Usa verbos en modo indicativo e en forma positiva.

Materiais de apoio

Pictograma comunicar con imaxes

Fai carteis con información do que dis. Ensina imaxes, gráficos, ou carteis con información clave.

Se podes, fai algunha explicación práctica para que os demais o entendan mellor.

Recoméndalles ler algún libro ou ver algún vídeo.

Practica

Pictograma falar

Practica e ensaia a túa exposición varias veces. É boa idea expor diante dalgún amigo ou amiga ou dalgún familiar.

Non te estendas moito no tempo. As exposicións curtas son máis efectivas que as longas.

Interactúa coa audiencia

Pictograma dúas persoas dicindo ideas

Cómpre buscar a interacción, é dicir, debes involucrar ao público facendo preguntas durante a túa exposición.

Desta forma recibirás retroalimentación ao escoitar as respostas e comentarios do público.

Lectura facilitada

Busca toda a información que podas sobre o tema do que queres falar.

Prepara unha introdución, desenvolve un contido e por último fai unha conclusión onde resumas as ideas principais.

Usa unha linguaxe sinxela.

Utiliza carteis ou debuxos para apoiar as túas explicacións.

Practica e ensaia a túa exposición varias veces.

Durante a túa exposición podes involucrar ao público para buscar retroalimentación.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)