Agora contas ti!
Xa sabes (máis ou menos) a orde na que foron aparecendo os seres vivos na Terra.
Agora propoñémoste facer o reto final: elaborar entre toda a clase, ou por grupos, a chamada LIÑA NEGRA de María Montessori.
Ela deseñouna para explicar a aparición do ser humano con respecto ao resto de seres vivos, dándolles aos seus alumnos e alumnas unha sinxela “lección de humanidade”.
Estes son os pasos que debedes seguir para ter éxito...
Pasos para elaborar a liña negra
Paso 1. Os equipos
Dividide a aula en polo menos 6 ou 7 equipos cooperativos. Estes equipos elixirán un nome que identifique o seu “obxecto de estudo”. Por exemplo equipo mamuts, equipo peixepata, equipo sapiens...
Paso 2. A investigación
Debedes buscar información relevante sobre o tema que estades traballando. Polo menos, esta información conterá:
- Definición do/dos obxectos de estudo.
- Aparición na Terra (en millóns de anos, ou miles de anos se son máis recentes).
- Características básicas: hábitat, alimentación, reprodución de ser o caso...
- Relación cos elementos anteriores e posteriores na liña do tempo. Esta pregunta poderedes respondela facendo unha posta en común dos resultados co resto da clase.
Paso 3. Deseño da liña negra
A estas alturas xa debes saber que a Terra ten 4.600 millóns de anos de vida. Para representar esa cantidade de anos na liña, primeiro seleccionaredes o material na que estará feita. Velaquí algunhas ideas:
- Tea non tecida (TNT).
- Papel continuo.
- Calquera soporte un pouco flexible como poden ser, cartolinas, folios ou similares.
A maiores isto é o que necesitades saber para confeccionala:
- A liña negra terá unha lonxitude de 46 metros (liches ben, 46 metros!) que representan eses 4.600 millóns de anos de vida do noso planeta. Non vos preocupedes, porque con 40 cm de ancho será suficiente, polo que finalmente o resultado será un soporte moooooi longo (46 metros) e moi estreito (40 cm).
- Colocaredes un pau redondo ou similar duns 45 cm de longo, que servirá para envolver e desenvolver a tea ou o papel continuo segundo elixirades, con facilidade. Colocarase no inicio, é dicir, en hai 4.600 millóns de anos. Cando a liña está recollida o pau quedará no centro do rolo.
- Por último necesitades un pequeno fragmento de tea ou feltro doutra cor, rechamante, que colocaredes ao final da tea negra, e marcará o tempo do ser humano na Terra.
Paso 4. Buscamos material gráfico
Seleccionamos imaxes ou debuxos que colocaremos ao longo da liña negra, que representen os organismos ou elementos que investigamos.
Teredes en conta as dimensións da liña para elaborar a parte gráfica, así como a cantidade e calidade das imaxes e ilustracións.
Pensade que ao final do voso traballo, esa liña practicamente “falará por si mesma” polo que a elección de imaxes axeitadas é importante.
Pedide axuda á persoa titora para esta tarefa!
Paso 5. Colocación dos elementos na liña negra
Agora toca empregar os vosos coñecementos matemáticos para descubrir o lugar dos elementos ao longo dos 46 metros de tea. Como? moi sinxelo: fixádevos no momento que apareceu o voso elemento na Terra.
Exemplo práctico: os primeiros moluscos apareceron hai 500 millóns de anos. Se a liña ten 46 metros en total, eu colocarei aos moluscos no metro 41, porque desde a orixe da Terra (4.600 millóns de anos) pasaron 4.100 millóns de anos ata que apareceron eses moluscos.
Paso 6. Exposición dos resultados
Despois deste intenso traballo, que mellor final que contándolle ao resto do cole os vosos achados? Existen moitas formas de transmitir os resultados ao resto da comunidade educativa:
-
A liña negra pode presentarse totalmente envolta para pouco a pouco desenvolvela a medida que avanzan os anos de vida da Terra.
-
Outra opción, ideal para o alumnado de infantil e primeiro ciclo de primaria, sería teatralizar a explicación, caracterizándovos dos distintos elementos que van aparecendo e, tras saudar, presentarvos e dar unha pequena información. Por exemplo: “Ola, eu son un volcán, teño lava dentro de min e cando estoupo son capaz de cambiar toda a paisaxe que me rodea”.
-
Ademais existe un público que seguro que está moi interesado nos vosos achados, pero que non van ao cole, e ese público son as familias. Para eles poderiades facer un vídeo da vosa exposición e colgalo na web do cole para que todas e todos desfruten do voso relato.
Por onde empezo a miña busca?
E onde podedes atopar esa información? Velaquí algunhas ideas:
- Na biblioteca do cole
- Pedindo axuda na casa
- Pescudando en Internet
- Lendo en revistas especializadas...
Que sensacións che provoca saber que o Universo medra cada día?