Conxunto da materia que existe no espazo e no tempo, particularmente referida aos corpos celestes e, en definitiva, conxunto de todo o que existe.
Exemplo:
O Universo está formado por millóns de corpos celestes como planetas ou estrelas.
A máquina do tempo
Imaxina que es un científico ou científica brillante e de súpeto, tras moito traballo, consegues inventar unha máquina do tempo formidable.
Pénsao ben! Nas túas mans está a posibilidade de viaxar a calquera momento desde a orixe do Universo ata os nosos días.
Peeeero! Mágoa! Esta máquina soamente funciona cun combustible realmente escaso no noso planeta, xa que pola mala cabeza dos humanos, está practicamente esgotado.
Soamente queda combustible para viaxar a un momento e un lugar entre todos os posibles! Esta máquina é fantástica, pode chegar a calquera lugar do Universo, así que...
Cal sería o teu destino?
Como xa che dixen, pénsao ben, soamente tes unha oportunidade!
Explica aos teus compañeiros, cal é o teu destino elixido e o motivo da túa elección.
Será moi interesante ver cantas ideas se vos ocorren!
Lectura facilitada
Imaxina que es un científico ou unha científica moi lista.
Inventaches unha máquina do tempo.
Con ela, podes viaxar a calquera lugar do Universo.
Pero só tes combustible para unha soa viaxe.
A que lugar e momento da historia viaxarías?
Fala diso co resto da clase.
Audio
Apoio visual
É unha científica brillante.
Viaxas na máquina do tempo.
Que lugar do Universo escolles para visitar?
Que pasará cando remates esta viaxe?
Moitas cousas emocionantes te agardan se es quen de superar os retos que che propoñemos!
Ao final desta aventura serás quen de entender e contar correctamente:
A orixe do Universo.
O inicio da vida no planeta Terra.
O futuro que nos agarda como parte dunha sociedade responsable do seu coidado.
Cal é o reto final?
Este é o reto que vos propoñemos!
Cando cheguedes ao final desta viaxe, descubriredes que tedes no voso poder os coñecementos e as ferramentas necesarias para facer fronte ao GRAN RETO FINAL: reconstruír a gran liña do tempo que explica como se desenvolveu a vida no voso planeta, desde os primeiros seres unicelulares ata vós mesmos!
Poderedes realizar a liña do tempo como vós elixades. Deixámosvos algunhas ideas para a súa elaboración.
Cunha tea negra, tipo feltro ou similar.
En papel continuo.
Con folios de papel, brancos ou de cores para facer un lapbook.