Saltar navegación

3.7. A vida na Terra

Para comezar...

Imaxe dun campo florido

A vida na Terra é posible grazas a unha combinación de factores clave.

Estes son:

  1. A distancia da Terra ao Sol.
  2. A atmosfera que nos protexe contra a radiación solar.
  3. A presenza de auga en diferentes estados, elementos químicos básicos ou un campo magnético. 

Estes factores, xunto co desenvolvemento de ecosistemas que permiten a reciclaxe de materia e enerxía, crearon e mantiveron as condicións necesarias para que a vida floreza no noso planeta.

Lectura facilitada

A vida na Terra é posible porque temos o Sol moi cerca ou unha capa chamada atmosfera que nos protexe dos seus raios.

Por suposto temos auga, fundamental para vivir, e un campo magnético invisible arredor do planeta que manda aos asteroides lonxe de nós.

As plantas tamén son importantes, xa que son capaces de renovar o aire que respiramos.

Todas estas cousas fan posible a vida na Terra.

Para saber máis...

Sistema solar

Se queres descubrir as claves da vida na Terra, preme na seguinte ligazón de Dixit. 

Le con moita atención e serás quen de contestar as seguintes cuestións como se traballaras na Axencia Espacial Europea.

Cóntoche un conto

Fotografía de María Montessori

Ola nenas e nenos, preséntome! Son María Montessori, unha mestra italiana.

Tiven unha escola, a Casa dei Bambini, onde inventei unha nova forma de ensinar.

Nas miñas clases sodes vós os que tomades importantes decisións sobre a vosa aprendizaxe, e todos din que os materiais que usamos son súper chulos!

Gustaríame traballar un pouquiño con vós, sobre o Universo e o voso lugar no mundo... Acompañádesme?

Comecemos por unha pequena pero emocionante historia…

Lección de humanidade

Ao principio a Terra era unha bóla de lume. E isto prolongouse durante moito, moito tempo.

A Terra estaba cuberta de volcáns. Chegaron as choivas. Choveu e choveu. E isto prolongouse durante moito, moito tempo.

Finalmente a Terra comezou a arrefriarse. Aínda así, non había vida na Terra, só rochas, océanos e volcáns. 

Había só rochas, auga e lume. Nada verde. E isto prolongouse durante moito, moito tempo.

A Terra é moi antiga! 

As primeiras formas de vida foron organismos moi simples: bacterias e algas, que produciron osíxeno.

Co tempo, a vida foise facendo máis complexa, aparecendo os primeiros organismos pluricelulares, como medusas e vermes.

A continuación os primeiros invertebrados no mar, como moluscos e crustáceos, e os primeiros vertebrados, que foron os peixes .

As plantas adaptáronse ao novo medio chegando a formar paisaxes de grandes bosques de árbores e fentos xigantes. 

Cando aparecen as plantas con flores, tamén o fan os primeiros insectos, e todos sabemos o importantes que son estes bichiños para o ciclo de vida das plantas.

A transición da vida acuática á terrestre marcou un momento evolutivo crucial.

A partir deses primeiros seres que conquistaron o chan terrestre desenvolvéronse anfibios, réptiles, aves e mamíferos.

Tras a extinción dos dinosauros, os mamíferos evolucionaron rapidamente dando lugar a moitas especies distintas.

Unha desas especies, os primates, serán os antecesores dos primeiros homínidos e estes, do Homo Sapiens, que por se non vos soa, sodes vós!

Lectura facilitada

Ao principio a Terra era unha bóla de lume.

Estaba cuberta de volcáns.

Pouco despois chegaron as choivas.

Finalmente a Terra comezou a arrefriarse. 

As primeiras formas de vida foron bacterias e algas.

Evolucionaron en medusas e vermes.

A continuación apareceron no mar os primeiros seres vivos sen ósos.

Estes seres son os invertebrados.

Son invertebrados os moluscos e os crustáceos.

Despois apareceron os vertebrados.

Os vertebrados teñen ósos.

Son vertebrados os peixes.

As plantas formaron grandes bosques de árbores e fentos xigantes.

Os primeiros seres que conquistaron o chan foron os anfibios, réptiles, aves e mamíferos.

Tras a desaparición dos dinosauros, os mamíferos evolucionaron rapidamente dando lugar a moitas especies distintas.

Unha delas, os primates, serán os antecesores dos Homo Sapiens.

Os seres humanos somos Homo Sapiens.

Visita a túa biblioteca

A biblioteca é unha gran fonte de información.

Nela poderás encontrar moitos contos e literatura de tipoloxía informativa.

Animámoste a visitar a túa biblioteca e mergullarte en libros relacionados co tema.

E ti que opinas?

Seguro que levaches máis dunha sorpresa a medida que avanzabas na túa investigación sobre a vida na Terra.

Reflexiona na túa libreta sobre as seguintes cuestións:

  • Que opinas do tempo que levamos na Terra se o comparamos por exemplo coas plantas ou seres vivos menos complexos?
  • Se botas unha ollada arredor, seguramente observarás a presenza do ser humano practicamente por todas partes... Cres que a pegada do home na Terra é maior que a do resto de seres vivos? Razoa a túa resposta.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)