Galicia e España
E que pasa en España e en Galiza?
ESPAÑA
En España viven 49.153.849 persoas (abril de 2025). Ten unha densidade media de 97 hb/km² aínda que esta está moi desigualmente repartida. As áreas máis densamente poboadas atópanse nas grandes cidades e nas súas contornas (Madrid, Barcelona, Valencia…), nas áreas costeiras do Mediterráneo e nas illas. Pola contra, o interior (Castela e León, Estremadura, Aragón…) amosa densidades moito máis reducidas debido, fundamentalmente, a un intensivo fluxo migratorio.
Preme enriba da imaxe para vela ampliada.

Con 6,61 nacementos por cada 1.000 habitantes (en 2023). España ten unha baixa natalidade se se toma como referencia a taxa de natalidade do continente europeo. Por outra banda, a taxa de mortalidade é un pouco máis elevada que a media continental dado que acada as 8,9 defuncións por cada 1.000 habitantes. Os valores dos nacementos e das defuncións e a alta esperanza de vida, 83,77 anos, unha das maiores do mundo, falan dun claro envellecemento da poboación.

Esta circunstancia fai necesario que as autoridades do país adopten rápidas, profundas, sostidas e eficaces políticas natalistas para tentar manter o actual modelo de pensións e a calidade e alcance dos servizos públicos.
No tocante aos movementos migratorios débese destacar que España conta cun saldo migratorio positivo xa que recibe un considerable número de inmigrantes. Proceden estes maioritariamente de América Latina, Norte de África, Asia e Europa do Leste e aséntanse preferentemente nas grandes cidades e nas zonas costeiras.
GALICIA
En Galiza residen 2.716.996 persoas (abril de 2025). A comunidade ten unha densidade media de 92 h/km² e, como no caso anterior, esta repártese de maneira pouco homoxénea. As maiores concentracións coinciden coas cidades e coas áreas costeiras das provincias atlánticas. As provincias orientais, principalmente os espazos montañosos, amosan densidades moito máis reducidas.
Preme enriba da imaxe para vela ampliada.

Galiza ten unha taxa de natalidade de 5,2 %0, unha das máis reducidas de Europa. O contrario acontece cando se atende aos datos da de mortalidade xa que acada 12,13%0.
Con estas cifras non é de estrañar que a galega é unha das rexións máis envellecidas do continente europeo. Con todo o dito está claro que no caso galego as políticas a prol da natalidade fanse aínda máis urxentes que no caso español.

Aínda que ao longo dos séculos pasados Galiza mantivo intensos fluxos migratorios, na actualidade acontece o caso contrario. A comunidade rexistra un saldo migratorio lixeiramente positivo pois predominan as entradas sobre as saídas de migrantes.
A modo de resumo pódese dicir que tanto España en xeral, como Galiza en particular, presentan unha dinámica demográfica caracterizada por un débil, ou incluso no caso galego negativo, crecemento demográfico; un envellecemento progresivo e por rexistrar, en oposición ao acontecido ata épocas recentes, unha considerable corrente inmigratoria.
Lectura facilitada
España e Galicia.
ESPAÑA
En España viven 49.153.849 persoas.
España ten unha densidade media de 97 habitantes/km2
aínda que está moi desigualmente repartida.
As áreas máis poboadas están nas grandes cidades e as súas contornas.
(Madrid, Barcelona, Valencia...).
Tamén están na costa Mediterránea e nas illas.
As áreas menos poboadas están no interior
(Castela e León, Estremadura, Aragón...).
A natalidade en España é de 6,61 nacementos por cada 1000 habitantes.
España ten unha baixa natalidade se a comparamos coa de Europa.
A mortalidade en España é de 8,9 defuncións por cada 1000 habitantes.
A taxa de mortalidade en España é un pouco máis alta que a de Europa.
En España dáse un claro envellecemento da poboación.
Isto comprobámolo cos datos de nacementos e defuncións
e a alta esperanza de vida (83,77 anos, das máis altas do mundo).
As autoridades españolas deben tomar medidas eficaces
para manter o modelo de pensións e a calidade dos servizos públicos.
O saldo migratorio de España é positivo,
xa que recibe moitos inmigrantes.
Os inmigrantes proceden sobre todo de América Latina, Norte de África,
Asia e Europa do Leste.
Os inmigrantes aséntanse sobre todo nas grandes cidades e na costa.
GALICIA
En Galicia residen 2.716.996 persoas.
Galicia ten unha densidade de poboación de 91 habitantes/km2
aínda que está moi desigualmente repartida. (Igual que en España).
As áreas máis poboadas son as cidades
e as zonas de costa das provincias atlánticas (A Coruña e Pontevedra).
As áreas menos poboadas son as provincias orientais (Lugo e Ourense).
A natalidade en Galicia é de 5,2 nacementos por cada 1000 habitantes.
É unha das taxas máis reducidas de Europa (nacen poucos nenos).
A mortalidade en cambio é alta
acada 12,13 mortes por cada 1000 habitantes.
Galicia é das rexións máis envellecidas de Europa,
Por iso precisa medidas urxentes a prol da natalidade.
Nos séculos pasados, de Galicia saíron moitos emigrantes.
Actualmente sucede o contrario.
O saldo migratorio de Galicia é lixeiramente positivo,
xa que entran máis migrantes dos que saen.
En resumo podemos dicir que,
tanto España como Galicia, caracterízanse por:
- Un débil crecemento demográfico (en Galicia é negativo).
- Un envellecemento progresivo.
- Unha destacable corrente inmigratoria.